Convocados os concursos sobre doazón e transplantes de órganos da Xunta

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, convidou esta mañá ao estudantado galego a achegarse á realidade da doazón e o transplante de órganos, participando nas novas edicións dos concursos de carteis e curtametraxes que anualmente convoca a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, ADOS, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Durante o acto de presentación destes certames, no que o responsable sanitario galego estivo acompañado pola directora de ADOS, Marisa López, e pola coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas, Gómez Caamaño subliñou a importancia de desenvolver actividades formativas e de sensibilización entre os máis novos para favorecer unha actitude positiva sobre estes xestos solidarios que permiten salvar moitas vidas. Nesta liña, remarcou que nos últimos anos preto de 95.000 alumnos participaron nalgunha das preto de 2.000 charlas impartidas en 1.432 centros e 786 concellos.
O titular de Sanidade lembrou que, ano tras ano, Galicia bate récords de actividade de doazón e transplante tal e como sucedeu no pasado exercicio, no que se rexistraron 143 doazóns e 429 intervencións de transplante.
Puxo en valor a especial sensibilidade do alumnado galego, ao tempo que salientou o esforzo e o compromiso do persoal docente e dos centros educativos, no obxectivo de concienciar ás novas xeracións da importancia e da necesidade de doar.
Durante o acto de esta mañá, presentouse a convocatoria da IX edición do Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e os transplantes, en colaboración con Gadisa Retal S.L.U.
Nesta iniciativa, existen dúas categorías de participación; unha primeira para nenos e nenas de 5º e 6º de educación primaria; e a segunda, para o alumnado de 1º, 2º e 3º de educación secundaria obrigatoria (ESO).
En cada unha destas categorías outorgarase un primeiro e segundo premio, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente, para a adquisición de material escolar para o centro de ensino. Así mesmo, tamén haberá premios para o alumnado (tabletas e auriculares) e para os profesores (vale regalo de 250€ e de 150€, para o primeiro e segundo premios).
A segunda das iniciativas presentadas hoxe foi o XIII Concurso de curtametraxes relacionados coa doazón e cos transplantes de órganos. Neste caso, dirixido a todo o alumnado de 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior e de ensino artístico regrado de toda Galicia.
Cada curtametraxe poderá ser presentada de xeito individual ou en grupo de ata cinco integrantes. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, en lingua galega e terán unha duración máxima de dous minutos. Así, poderán gravarse en calquera dispositivo, incluídos os teléfonos móbiles.
O primeiro premio consistirá en 1.000 euros para a adquisición de material escolar para o centro de ensino e outros 1.000 euros para os participantes, así coma un vale de regalo de 250 € para o profesor ou profesora que tutele o traballo. O segundo premio será de 750 € para os participantes e dun vale regalo de 150 € para o docente.
Ambos os concursos premian a participación dos estudantes, dos docentes e dos centros que se presentan aos concursos e que traballan os tema de doazón e do transplante dentro das aulas como xeito de sensibilizar ao alumnado.
Ademais destes certames, a Consellería de Sanidade desenvolve diferentes actividades formativas nos distintos niveis educativos co obxectivo de promover unha maior sensibilidade dos estudantes galegos en prol da doazón e os transplantes.
Só o pasado ano, impartíronse charlas informativas a máis de 7.800 alumnos de 110 centros educativos de toda Galicia.
Ademais, 1.145 estudantes e 51 docentes participaron o pasado ano no programa Salvavidas do Plan Proxecta, que traballa os temas da doazón e os transplantes nas aulas.
Ademais, o pasado curso fixéronse 12 cursos para profesionais sanitarios neste eido e desde o ano 2014 todos os residentes MIR de Galicia reciben cursos de formación específicos na materia.