Convocados os exercicios da fase de oposición para o acceso a diversas categorías do Servizo Galego de Saúde

As probas desenvolveranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, nas xornadas do 24 e 25 de outubro, e nos días 8, 14 e 15 de novembro
oposicións-Educación-Galicia-26
16 Oct 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se dá publicidade do lugar, data e hora da realización dos exercicios da fase de oposición para o acceso a diversas categorías do sistema sanitario público galego.

As probas desenvolveranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, durante as xornadas do 24 e 25 de outubro, e nos días 8, 14 e 15 de novembro. No seu conxunto resultaron admitidas un total de 33.762 persoas para acceder ás 2.223 prazas que oferta o departamento sanitario da Xunta.

Os exames darán comezo o vindeiro sábado 24 de outubro ás 9,30 horas, estando citados nese horario un total de 1.961 aspirantes pertencentes ás categorías de técnico en farmacia, logopedista e condutor. No caso da categoría de técnico de farmacia resultaron admitidas 1.273 persoas para acceder ás 38 prazas ofertadas, na de logopedistas serán 219 aspirantes para optar a 5 prazas e, na de condutores, están chamadas á realización das probas 469 persoas para un total de 15 prazas.

Xa na quenda tarde, e desde as 16,00 horas, terán lugar as probas de acceso ás categorías de fisioterapeuta, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, fontaneiro e técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información. Estes exercicios rexistraron no seu conxunto un total 2.572 persoas admitidas. En concreto, serán 870 aspirantes de fisioterapeuta (27 prazas), 1.406 admitidos ás probas de técnico superior en imaxe para o diagnóstico (67 prazas), 156 aspirantes da categoría de fontaneiro (8 prazas) e 140 de técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información (5 prazas).

Os exames desa fin de semana completarase o domingo, 25 de outubro, desde as 16,00 horas coa celebración dos exames correspondentes ás categorías de técnico en coidados auxiliares de enfermería (tanto na quenda xeral como no de discapacidade intelectual) e na técnico/a en farmacia (quenda de discapacidade intelectual). Neste caso, foron admitidas un total de 9.561 persoas. Dun xeito desagregado, foron admitidas 9.555 persoas na categoría de TCAE para o acceder a 1.306 prazas, e 6 aspirantes para a categoría de técnico de farmacia (quenda discapacidade intelectual).

As probas continuarán o domingo 8 de novembro desde as 9,30 horas da mañá, cun total de 1.496 opositores admitidos. Neste horario están convocados os 56 aspirantes da categoría de médico de admisión e documentación clínica (ofértanse 5 prazas), os 91 admitidos para técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información (9 prazas), os 1.608 opositores para acceder ás 57 prazas da categoría de traballador social e os 277 aspirantes ás 5 prazas que se ofertan na categoría de mecánico.

Na quenda de tarde dese mesmo día, e desde as 16,00 horas, un total de 8.003 persoas participarán nas probas de acceso ás 192 prazas ofertadas do grupo auxiliar da función administrativa.

As probas de acceso ao sistema sanitario público galego concluirán na fin de semana do 14 e o 15 de novembro, á que están chamadas a participar un total de 10.172 persoas.

Máis polo miúdo, a quenda de mañá do sábado 14 de novembro acollerá desde as 9,30 horas, aos 34 aspirantes a médico xeral de Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (6 prazas), aos 655 admitidos da categoría de farmacéuticos de atención primaria (31 prazas), aos 196 odontólogos de atención primaria (8 prazas), a 104 aspirantes a técnico en xestión en sistemas e tecnoloxías da información (9 prazas) e 181 admitidos as probas de calefactor (7 prazas).

Pola tarde, desde ás 16,00 horas, terán lugar as probas de acceso á categoría de celador, á que concorrerán 7.800 persoas (quenda xeral e de discapacidade intelectual) para unha oferta de 348 prazas.

Na xornada do domingo 15 de novembro concluirán os exames, coa convocatoria, desde as 9,30 horas, dos 1.202 aspirantes ás especialidades de médico asistencial do 061 (139 admitidos para 8 prazas), terapeuta ocupacional (273 admitidos para 11 prazas), dietista-nutricionista (363 admitidos para 45 prazas) e electricista (427 admitidos para 11 prazas).

0.35144901275635