Convocan unha concentración en Vigo contra a intervención militar en Venezuela

Desde o Capítulo Galego da Internacional Antifascista, impulsado desde a Asociación AGABO e composto polas organizacións AGABO, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, PCRG, Podemos Galiza e UPG, convocouse unha concentración urxente este sábado 3 de xaneiro ás 20 horas diante do Consulado da República de Venezuela en Vigo, na Rúa Velázquez Moreno, 3, en protesta polos ataques militares e o golpe de estado impulsado por Donald Trump na madrugada deste mesmo día.
As organizacións políticas, sindicais, culturais e sociais que forman parte do Capítulo Galego da Internacional Antifascista expresaron o seu rexeitamento total á intervención militar desencadeada nas últimas horas en Venezuela e a calquera forma de agresión armada externa contra un pobo soberano. Nas últimas horas producíronse ataques a gran escala e explosións en Caracas e noutras zonas do país, nunha escalada gravísima que pon en risco a poboación civil e a estabilidade rexional.
As entidades condenan enerxicamente o uso da forza militar como ferramenta política e denuncian que esta operación vulnera principios básicos do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas. Resulta especialmente alarmante que, segundo información difundida por autoridades estadounidenses e recollida por medios internacionais, se afirme a captura e traslado fóra do país do presidente Nicolás Maduro. Tal e como afirma o lexítimo goberno venezolano, nestas últimas horas aconteceu unha grave “agresión militar” e violación da soberanía.
O Capítulo Galego da Internacional Antifascista reafirma que ningunha narrativa imperialista xustifica unha intervención militar: nin a “seguridade”, nin a “loita contra o suposto narcotráfico”, nin intereses xeopolíticos ou económicos poden estar por riba do dereito dos pobos a decidir o seu futuro sen ameazas, sancións nin imposicións.
Exixen o cese inmediato das accións militares, a retirada de calquera dispositivo de intervención estadounidense en Venezuela, protección efectiva da poboación civil e garantías para a atención humanitaria, así como que a comunidade internacional e os organismos multilaterais actúen para deter a escalada e abrir vías de diálogo político baixo principios de soberanía e non inxerencia.
Desde Galiza, terra de emigración e solidariedade, reiteran a súa irmandade histórica co pobo venezolano e fan un chamamento ás organizacións sociais, sindicais, culturais, feministas, xuvenís, veciñais, de emigrantes e retornadas, así como ao mundo académico e ás forzas vivas do país, a difundir esta convocatoria e mobilizarse contra a intervención militar imperialista dos Estados Unidos dirixida por Donald Trump ante a soberanía venezolana e o goberno lexítimo de Venezuela.