Coristanco celebrou esta fin de semana a súa XLIV Festa da Pataca

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á XLIV Festa da Pataca de Coristanco, na que puxo de relevo a calidade diferenciada das producións agroalimentarias galegas.
Neste sentido, destacou a importancia deste evento, sinalando que foi unha das primeiras celebracións gastronómicas nadas coa vontade de recoñecer unha produción propia. Así, reafirmou a relevancia deste tubérculo, que conta cun distintivo de calidade propio, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia.
Cabe sinalar que a área de Coristanco, que ademais deste concello inclúe os de Ares e Carballo, é todo un referente na produción de patacas amparadas por esta IXP. Así, a localidade conta cunha superficie de 84 hectáreas distribuídas en 117 parcelas dedicadas á produción deste cultivo; e conta con 18 persoas produtoras.
En total, a IXP conta cunha superficie plantada de 649 hectáreas, ten 85 persoas produtoras e 13 almacenistas. No ano 2025 este selo de calidade comercializou case 6 millóns de quilos de pataca, que acadaron un valor económico estimado de 4,18 millóns de euros.
María José Gómez salientou que a produción agroalimentaria galega caracterízase pola súa diversidade, ademais de estar estreitamente vencellada coa calidade diferenciada. A comunidade conta cun total de 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, selos aos que cómpre engadir os distintivos de produción ecolóxica e de Artesanía Alimentaria, que son complementarios e contribúen a xerar valor engadido.
Seguindo esta liña, sinalou que o Goberno autonómico mantén unha aposta firme por impulsar a potencialidade da gastronomía galega. Este compromiso maniféstase a través de achegas económicas dirixidas directamente aos consellos reguladores e con iniciativas como o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, que ten un orzamento de 10 millóns de euros e afonda na promoción destes indicativos.