Cortan o último tramo da AG-11 o mércores e o xoves a causa das obras

Tratase de acometer os traballos de estendido de aglomerado, desde o punto quilométrico 38+000 (enlace de Palmeira) ata o 40+006 (enlace de Ribeira)
ag-11-autovia-barbanza
8 Sep 2026

O avance nas obras de reforzo de firme na autovía do Barbanza farán necesario o corte de tráfico nos dous sentidos de circulación no último tramo desta AG-11, desde mañá, mércores 9, ata última hora do xoves 10.

Tratase de acometer os traballos de estendido do aglomerado desde o punto quilométrico 38+000 (enlace de Palmeira) ata o 40+006 (enlace de Ribeira).

Debido a este corte, os usuarios da estrada que se dirixan de Ribeira a Padrón poderán acceder á autovía dende o enlace de Palmeira, mentres que os que se dirixan de Padrón a Ribeira deberán saír da AG-11 nese mesmo enlace.

Por outra banda, os labores de pintado na autovía fan preciso tamén ao longo desta semana habilitar un só carril de circulación por sentido entre os puntos quilométricos 32+000 e 38+000.

Con esta actuación da Xunta de reforzo de firme na autovía, estase a intervir nos algo máis de 40 quilómetros da AG-11, incluíndose nas actuacións a acometer a renovación do firme existente en tronco e enlaces, con actuacións puntuais de reparación e renovación da capa de rodaxe.

O contrato, adxudicado por máis de 10,5M€, inclúe tamén a revisión do estado da sinalización horizontal e substitución da mesma en caso de ser necesario; a Instalación dos elementos necesarios de balizamento en todo o tramo; así como a renovación das xuntas de dilatación das estruturas do tronco presentes no tramo. Tamén se prevén dúas actuacións complementarias a maiores, que redundan na mellora da seguridade viaria na autovía do Barbanza.

0.43113589286804