Culturgal reúne en Pontevedra máis de 800 artistas e ofrece máis de 200 actividades

A programación abrangue diferentes disciplinas artísticas e conta cunha destacada presenza de creadores de Galicia
culturgal
27 Nov 2026

A feira Culturgal inaugurou este venres a súa décimo novena edición no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral de Pontevedra, onde permanecerá aberta ata o domingo cunha programación que supera as 200 actividades e na que participan máis de 800 artistas, creadores e profesionais dos distintos ámbitos culturais.

Durante tres días, o encontro converterase nun escaparate da creación galega, cunha ampla oferta de propostas destinadas tanto ao público infantil e adulto como aos profesionais do sector. A programación abrangue diferentes disciplinas artísticas e conta cunha destacada presenza de creadores de Galicia.

O director de Culturgal, Víctor López, destacou o nivel dos participantes nesta edición, na que se dan cita máis de 55 persoas premiadas nos ámbitos da literatura e das artes escénicas. A esta representación súmanse outros seis recoñecementos en disciplinas como o cómic, a ilustración, a fotografía e as belas artes, catro no eido musical e tres máis relacionados co cine e o audiovisual.

No acto inaugural, López tamén puxo o foco na conexión entre cultura e democracia, defendendo que ambas se complementan e se fortalecen mutuamente, e que a liberdade cultural é un elemento fundamental para avanzar cara a unha sociedade democrática.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, José López Campos, recoñeceu o labor das persoas e entidades que fixeron posible a continuidade da feira ao longo de case vinte anos. Segundo sinalou, Culturgal consolidouse como un espazo de referencia para o encontro, o diálogo e o intercambio dentro do sector cultural galego, acadando tamén unha posición destacada no panorama estatal.

O representante da Xunta avanzou, ademais, que o Goberno galego seguirá apoiando a organización na preparación da vixésima edición, que coincidirá co Ano Xacobeo de 2027.

O compromiso institucional coa continuidade do proxecto tamén estivo presente nas intervencións do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. O primeiro incidiu na importancia de que as administracións públicas apoien o tecido empresarial relacionado coa cultura e reiterou o respaldo da institución provincial á próxima edición da feira.

Pola súa parte, Fernández Lores confirmou que o Concello manterá o seu compromiso económico, institucional e loxístico con Culturgal. O rexedor defendeu a necesidade de facilitar espazos estables e condicións axeitadas para favorecer o desenvolvemento da actividade cultural.

O alcalde aproveitou tamén a inauguración para poñer en valor a creación da sede permanente de Culturgal no recentemente inaugurado Centro Internacional de Creatividade Maruja Mallo. Unha iniciativa que, ao seu xuízo, supón un importante avance para o proxecto, xa que permite superar o carácter puntual da feira e dotala dunha estrutura estable que estará vinculada á actividade creativa de Pontevedra durante todo o ano.

2.364618062973