Cuntis combina maxia, música e humor este sábado durante as festas patronais

Cuntis incorporará este sábado, 15 de agosto, dúas propostas culturais á programación das súas festas patronais da man dos circuítos provinciais +Escénicas e +Música da Deputación de Pontevedra. A xornada combinará maxia, humor, teatro xestual e música con dúas actividades programadas en diferentes espazos do municipio.
A programación comezará ás 18.00 horas na Praza de Ferrol co espectáculo “Flash!”, do mago Dani García, financiado a través de +Escénicas. A proposta sitúa en escena un fotógrafo ambulante de hai máis dun século que se prepara para unha xornada de traballo coa súa antiga cámara de fol e varias maletas cheas de segredos.
Durante a función, os obxectos cobran vida, as imaxes rebélanse e o tempo estírase e se dobra. Cada fotografía dá paso a unha pequena aventura nun espectáculo que combina maxia, humor e teatro xestual e que conta tamén coa participación do público, especialmente das nenas e dos nenos.
Xa pola noite, ás 22.30 horas, a Praza da Constitución será o escenario do concerto de Artística e a Banda dos 80, incluído no programa +Música. A formación está integrada por Juan Collazo, Antonio Ocampo, Santiago Salvador, Serxio Payares, Marcos Taboada e Manuel Varela, músicos profesionais procedentes de bandas de música e con formación en música clásica e jazz.
O grupo presentará un repertorio composto por arranxos e pezas orixinais de Serxio Lafasil e Adrián Saavedra, cun percorrido musical polo continente europeo. A formación conta ademais con actuacións no Amsterdam PPP Hall e no Museo Speelklok de Utrecht, nos Países Baixos.
Un circuíto provincial con máis de 600 propostas
As actividades forman parte de +Escénicas e +Música, dous programas cos que a Deputación de Pontevedra busca descentralizar a programación cultural e achegar espectáculos a diferentes puntos da provincia.
No caso de +Escénicas, a iniciativa responde a unha demanda do sector profesional formulada durante preto de dúas décadas. Tras o resultado das dúas primeiras edicións, a Deputación puxo en marcha un novo ciclo que elevou o orzamento un 36 % desde o inicio do programa, ata os 204.000 euros.
Cada Concello pode solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza do catálogo de +Escénicas, que reúne máis de 600 propostas. O financiamento varía segundo o tamaño dos municipios: a Deputación achega o 90 % nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80 % nos de entre 5.000 e 10.000 e o 70 % nos que teñen entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións deste circuíto desenvolveranse ata o 31 de marzo de 2027.
Pola súa banda, +Música contempla este ano 93 actuacións entre maio e decembro en 58 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. O programa conta cun orzamento de 700.000 euros, co que a Deputación asume os custos dos cachés dos espectáculos.