Curtis viaxará ao pasado coa X Feira 1900, dedicada á música e ao baile tradicional galego

Curtis celebrará esta fin de semana a décima edición da Feira 1900, unha cita que os días 25 e 26 de xullo volverá recrear o ambiente das antigas feiras da vila e renderá homenaxe á época na que a chegada do ferrocarril marcou un período de prosperidade para o municipio. Nesta edición, a programación estará dedicada á música e ao baile tradicional galego, con Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Xosé Lois Romero & Aliboria como principais actuacións.
A actividade comezará o sábado 25 ás 11.00 horas cos pasarrúas de Os Garatuxeiros. Ás 12.00 horas será a quenda da actuación musical e de baile da Asociación Mulleres da Carballeira, mentres que ás 13.00 horas terá lugar o pregón oficial, que correrá a cargo do director xeral de Turismo, Xosé Manuel Merelles. A continuación celebrarase a sesión vermú con Antonio Barros.
Xa pola tarde, a Charanga Os Celtas actuará ás 17.30 horas, seguida do concerto de Quinta Receita ás 19.30 horas na Carballeira. Nese mesmo escenario, ás 21.00 horas, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre protagonizarán unha das actuacións máis destacadas da feira.
A programación continuará o domingo 26 cun novo pasarrúas de Os Garatuxeiros e Faragullas entre as 11.00 e as 12.30 horas. Ás 12.00 horas representarase o espectáculo infantil Vicki e a felicidade e media hora despois actuará de novo a Asociación Mulleres da Carballeira. A sesión vermú celebrarase ás 13.30 horas na estación, coa música de Eric Hidalgo.
Pola tarde, o Paseo das Mozas con Embruxo percorrerá as rúas desde as 19.30 horas e a feira pecharase ás 20.30 horas co concerto de Xosé Lois Romero & Aliboria na Carballeira.
Ademais das actuacións musicais, a Feira 1900 ofrecerá seis exposicións gratuítas. Entre elas figuran a Casa María Antonia Dans, unha mostra fotográfica de Laura Míguez na Maragata, a exposición Curtis na lembranza – D’o íntimo, unha exhibición de coches antigos e mostras dedicadas ao traxe antigo do Ballet Rei de Viana e aos traxes tradicionais de María Susana Peleteiro na estación de tren.
Os oficios tradicionais volverán ocupar un lugar destacado na programación con demostracións de forxa, cantería, talla de madeira, cestería, traballos en coiro, torneado, elaboración de gaitas, palilleiras de Betanzos, talla de cristal, cerámica, esparteiría, cosmética natural e unha mostra de etnobotánica galega.
O programa completarase con xogos tradicionais na Carballeira, obradoiros de cerámica, elaboración de accesorios con feltro, fabricación de xabón e cosmética natural. Ademais, o chef André Arzúa ofrecerá varios showcookings os dous días, con pases ás 11.30, 16.00 e 18.00 horas. Para participar será preciso inscribirse previamente por WhatsApp no teléfono 659 11 77 87.
A celebración da feira implicará tamén cambios no tráfico. Desde as 19.00 horas do venres permanecerán pechados ao tráfico a avenida Principal e as rúas Pilar Pena, Emilio Martínez Sánchez, Antonio Pintor e Tío Benito do Santo, quedando tamén inhabilitados os accesos aos garaxes durante toda a fin de semana. Ademais, a parada de autobús trasladarase temporalmente desde a súa localización habitual ata a contorna do Espazo Xove de Curtis.