Dálle Xogo medra e aspira a converterse na gran cita do xogo de mesa en Galicia

O Festival Dálle Xogo regresará a Área Central de Santiago de Compostela do 25 ao 27 de setembro para celebrar a súa segunda edición cunha proposta ampliada e coa intención de consolidarse como unha cita de referencia para os xogos de mesa en Galicia. Despois de reunir máis de 5.000 visitantes na súa primeira edición, o encontro contará este ano con máis de 100 mesas de xogo, un día máis de programación e unha ampla oferta de actividades para todos os públicos.
Durante tres xornadas, o público poderá descubrir novidades, probar títulos, participar en torneos e compartir partidas con outras persoas nunha proposta de lecer baseada na socialización e no encontro presencial, afastada das pantallas. O festival reunirá editoriais e distribuidoras como Oldteddys, Mercurio, Asmodee, Rocket Lemon Games, Átomo Games, Brain Picnic, Hello Fun, Diset, NSV, Empydea Games, Upple Games, Numeriu, Magic Box, Piensa en Competencias ou Rey Mono, entre outras.
A programación incluirá torneos para diferentes idades e niveis, desde ‘Pelusas’ ata o coñecido ‘Hitster’, ademais de demostracións, charlas, sinaturas e encontros con autores e ilustradores. A organización busca así atraer tanto as persoas habituais deste tipo de xogos como aquelas que queiran descubrir por primeira vez este universo.
Entre os convidados desta edición estarán a escritora Ledicia Costas, o ilustrador Jorge Tabanera, coñecido como Gatotonto, e Nuria Vita. Costas participará en actividades relacionadas co universo de ‘Poquelandia’, mentres que Tabanera achegará a súa experiencia no ámbito da ilustración e a creación de xogos. Pola súa banda, Nuria Vita, recoñecida polo seu traballo de investigación arredor dos xogos de mesa, ofrecerá unha perspectiva sobre as posibilidades que pode achegar o xogo.
Dálle Xogo reforzará tamén nesta segunda edición a súa dimensión social, educativa e inclusiva coa participación de diferentes entidades locais e autonómicas. Entre elas estará a Fundación Down Compostela, que disporá dun espazo propio de xogo aberto ao público, e Vermislab, que achegará o seu espazo de xogos Maker.
A saúde terá tamén un papel destacado na programación cunha mesa redonda titulada ‘Máis aló do lecer: o poder dos xogos de mesa no ámbito da saúde’. O encontro analizará as posibilidades do xogo desde diferentes perspectivas relacionadas coa saúde e contará coa participación de representantes de Agadea, Dano Cerebral Santiago e Laura Adela, que achegarán diferentes visións vinculadas tamén ás adiccións e ás drogodependencias.
Con esta ampliación, o festival pretende reunir nun mesmo espazo público, editoriais, distribuidoras, autores, ilustradores, entidades e profesionais arredor dos xogos de mesa, entendidos como unha ferramenta de encontro, aprendizaxe, inclusión e lecer saudable.
A organización conta co apoio institucional da Xunta de Galicia e da Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago de Compostela e mantén o obxectivo de crear un espazo de lecer alternativo, accesible e compartido. Todas as actividades serán gratuítas e estarán abertas ao público ata completar aforo, aínda que algunhas delas requirirán inscrición previa a través da web oficial do festival.
A segunda edición de Dálle Xogo chegará así a Santiago cunha proposta que combina a vertente lúdica coa dimensión social e educativa e que busca seguir facendo medrar unha comunidade arredor dos xogos de mesa, baixo o lema: menos pantallas e máis partidas.