Dani Martín, novo cabeza de cartel de O Son do Camiño 2026

O Son do Camiño confirma a Dani Martín como novo cabeza de cartel xunto a Katy Perry e Linkin Park
dani martin
28 Nov 2025

O Son do Camiño anunciou o seu terceiro gran cabeza de cartel para a edición 2026: Dani Martín, un dos artistas máis influintes e populares das últimas dúas décadas no panorama musical español.

Tras deixar unha pegada xeracional ao fronte de El Canto del Loco e consolidar unha carreira en solitario chea de éxitos, o madrileño é hoxe unha figura imprescindible da música estatal, capaz de conectar con públicos de todas as idades e encher recintos con cifras históricas.

O artista chega ao festival nun momento especialmente doce, tras lograr un fito sen precedentes: dez concertos consecutivos con todas as entradas esgotadas no Palacio de los Deportes de Madrid, reunindo arredor de 170.000 persoas. Un éxito rotundo que confirma o seu extraordinario estado artístico e converte a súa presenza en O Son do Camiño nun dos anuncios máis esperados do ano.

Dani Martín súmase así aos dous cabezas de cartel xa revelados:

  • Katy Perry, icona global do pop e protagonista dalgunhas das actuacións máis memorables dos últimos anos.
  • Linkin Park, unha das bandas máis influentes do rock contemporáneo, cuxo regreso aos grandes festivais está a xerar unha enorme expectación internacional.

A forza combinada destes primeiros nomes xa impulsou novos récords: máis de 30.000 abonos vendidos en só 90 minutos, evidenciando a fidelidade do público e a potencia dunha cita que cada ano medra en dimensión e relevancia mundial.

A edición 2026 regresará a O Monte do Gozo, un recinto xa emblemático na historia do festival. O evento, impulsado pola Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, aspira a superar todas as súas marcas anteriores en asistencia, impacto turístico e excelencia artística.

Desde 2018, Estrella Galicia mantense como principal patrocinador privado e aliado estratéxico do festival, apoiando o seu crecemento e fortalecendo unha colaboración que xa forma parte da identidade de O Son do Camiño.

Dende a súa primeira edición, o festival vén colgando o cartel de “sold out”, atraendo público dos cinco continentes e consolidando Galicia como parada esencial no circuíto internacional de grandes eventos musicais. O Son do Camiño está producido polas promotoras galegas Esmerarte Industrias Creativas e Bring The Noise, un proxecto concibido en Galicia, desde Galicia e para o mundo.

⚙ Configurar cookies
0.55575299263