Declaradas Ben de Interese Cultural seis moedas históricas de Galicia

Constitúen emisións únicas que conforman un testemuño material e documental da presenza do Reino Suevo en Galicia e do medievo renacentista
Fig-4-Moedas-Cova-das-Cabras
29 Sep 2026

A Xunta declara Ben de Interese Cultural seis moedas históricas de Galicia, que forman parte da colección numimástica do galego Antonio Orol, polo seu valor sobranceiro. Así se acordou hoxe no Consello do Goberno galego, onde se lle deu o visto e prace ao decreto, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e que pon fin ao proceso de incoación iniciado en xuño do pasado ano.

Deste xeito, o expediente elaborado polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valora que estas seis moedas son emisións “raras e únicas” que constatan a presenza do Reino Suevo en Galicia e do medievo renacentista, das cales non se coñece ata o momento outros exemplares iguais. En concreto, abranguen desde o período do reino suevo e visigodo, así como do período dos Reis Católicos e do reinado de Felipe II e, segundo salienta a documentación deste procedemento, “a totalidade das moedas históricas obxecto da incoación presentan un excelente estado de conservación”.

Neste senso, entre as sete moedas, atópase unha emisión única, que constitúe unha das poucas testemuñas material e documental auténticas da existencia do Reino Suevo en Galicia, á que os técnicos lle recoñecen “un valor cultural senlleiro” polas súas características artísticas. Ademais, destacan dúas pezas cuñadas na Coruña de “gran valor cultural e de rara cuñación”.

Cómpre salientar que a incoación inicial constaba de sete moedas, mais a peza coñecida como 1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña, foi adquirida na poxa mediante o exercicio do dereito de tenteo polo Ministerio de Cultura para destinala ao Museo Arqueolóxico Nacional e pasou a formar parte das coleccións do Estado que se custodian na dita institución.

Consecuentemente, a declaración de ben de interese cultural da totalidade das seis moedas, na categoría de obxecto moble singular, suponlles a protección patrimonial exixida polo seus valores históricos, artísticos, culturais e tamén identitarios e territoriais, xa que plasman con singular relevancia o seu vencellado coa Gallaecia histórica. Na actualidade, estas exemplares son propiedade da Xunta de Galicia, tras adquirilas por 178.200 euros o pasado novembro, e están depositadas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Esta declaración eleva a 799 o número de bens de interese cultural existentes en Galicia. Así, permite culminar un proceso iniciado en xuño de 2025 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que se resolve agora antes de que se cumpra o prazo máximo de 24 meses establecido na Lei de patrimonio cultural.

0.37507891654968