Declarado de interese autonómico a ordenación da contorna do CHUS para facilitar a súa ampliación e renovación

O Consello da Xunta aprobou este luns a declaración como proxecto de interese autonómico (PIA) da ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), unha actuación coa que o Goberno galego pretende dispoñer canto antes dos terreos necesarios para acometer a ampliación e renovación do hospital, así como mellorar os seus accesos e a mobilidade.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou que a declaración permitirá avanzar na ordenación do solo necesaria para desenvolver as actuacións de urbanización, accesibilidade e infraestruturas asociadas ao complexo sanitario. O proxecto cumpre, segundo a Xunta, os requisitos establecidos para ser considerado de interese autonómico pola súa transcendencia supramunicipal e pola súa función vertebradora e estruturante do territorio.
Calvo destacou o carácter estratéxico do CHUS, que presta asistencia especializada á Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e dá servizo a uns 425.000 veciños de 46 concellos. Ademais, o complexo exerce como centro de referencia autonómica en determinadas áreas de alta especialización sanitaria, docente, investigadora e tecnolóxica, polo que a súa actividade transcende o ámbito municipal e comarcal.
A ordenación da contorna permitirá preparar o solo necesario para as obras de urbanización, ampliación e renovación do actual complexo hospitalario, incluíndo as actuacións previstas nos accesos, na mobilidade e nas infraestruturas vinculadas ao ámbito sanitario. O proxecto está actualmente en fase de elaboración por parte da empresa adxudicataria Proyfe e a previsión da Xunta é que estea rematado a finais deste ano ou a principios de 2027.
A proposta contempla unha intervención integral destinada a mellorar a funcionalidade, a accesibilidade e a integración paisaxística do hospital. Entre as actuacións previstas figura a reordenación dos accesos e da rede viaria mediante unha circulación perimetral que permita diferenciar os distintos tipos de tráfico, así como a creación de aparcadoiros perimetrais conectados con itinerarios peonís accesibles.
Tamén se prevé reducir a circulación e o estacionamento no interior do recinto hospitalario e humanizar os espazos libres mediante a incorporación de zonas verdes, arboredo e áreas peonís. A actuación incluirá ademais unha nova praza pública de acceso entre o Hospital Clínico, o Hospital Gil Casares e o Centro de Protonterapia.
No marco desta reordenación, a Xunta construirá un novo aparcadoiro con capacidade para 1.500 vehículos. O obxectivo é mellorar a accesibilidade ao complexo e facilitar a mobilidade tanto dos pacientes como dos profesionais.
A Consellería de Sanidade aproveitará esta actuación para planificar a evolución futura do hospital, coa ampliación das urxencias como unha das principais prioridades. A intención é favorecer tamén un crecemento máis ordenado do complexo a curto, medio e longo prazo, especialmente no relativo aos fluxos e ás comunicacións internas.
A intervención forma parte da planificación do sistema público de saúde de Galicia e busca adaptar as infraestruturas sanitarias ás necesidades derivadas da evolución demográfica e do envellecemento da poboación. A Xunta sinala ademais que a modernización do CHUS permitirá reforzar a cohesión territorial e a calidade asistencial.
Paralelamente, están a ultimar os traballos do Edificio C do complexo hospitalario, coa previsión de que entre en funcionamento antes de que remate o ano. No caso do Centro de Protonterapia de Galicia, situado tamén na contorna do Clínico, está previsto que poida comezar a atender os primeiros pacientes a finais deste ano ou a principios de 2027.