Dez anos de Noites Alternas: ocio alternativo e saudable para a mocidade de Santiago

O programa Noites Alternas cumpre dez anos cunha edición especial que recupera as actividades máis exitosas da última década, con preto de trinta propostas de balde para a mocidade compostelá.
Noites Alternas
29 Sep 2025

O programa de lecer nocturno alternativo Noites Alternas cumpre dez anos e celébrao cunha edición especial que reúne preto de trinta actividades xa realizadas en anteriores convocatorias e que destacaron polo seu éxito. A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Xuventude en colaboración coa Asociación Cultural e Xuvenil Ítaca, desenvolverase en xoves e venres alternos entre o 2 de outubro e o 28 de novembro.

A concelleira de Xuventude, María Rozas, presentou a programación acompañada por Sara Vieites, Carme García e Carme Giráldez, representantes de Ítaca. Rozas puxo en valor este programa “que cada ano é un éxito rotundo, e que leva unha década demostrando que a de Compostela é unha mocidade comprometida, con intereses diversos, e con vontade de construír cidade”. Ademais, agradeceu o traballo de Ítaca, entidade con máis de 40 anos de traxectoria impulsando un estilo de vida saudable e crítico entre a mocidade compostelá.

As representantes de Ítaca subliñaron que esta será unha edición especial tanto polo aniversario como polo relevo xeracional na asociación. Tras dez anos coordinando o proxecto, Sara Vieites deixará paso a Carme García e Carme Giráldez.

A programación inclúe 26 actividades de balde con prazas limitadas (entre 15 e 50 por actividade). Desenvólvense en distintos espazos da cidade: a sede de Ítaca (rúa do Pombal), a asociación veciñal As Brañas de Andrés (Vista Alegre), o Centro Xove da Almáciga e a Casa das Máquinas.

O xoves 2 de outubro arrancan os obradoiros con propostas como Usos da ortiga (2023) ou Faixas por Palestina (2020). O venres 3 de outubro repetirase o obradoiro Pan para quen non sabe amasar (2017) e un roteiro polas pegadas do modernismo en Santiago (2021).

Ao longo de outubro e novembro haberá obradoiros de stencil, bordado, cociña con conservas ou cosmética natural, ademais de roteiros temáticos por Compostela como A pegada do medievo ou As mulleres na historia de Compostela.

As inscricións deberán realizarse a través da web itaca.gal na semana na que teña lugar cada actividade.

⚙ Configurar cookies
0.25563192367554