Dez proxectos emprendedores optan aos XVI Premios Ronsel, que se entregan este xoves en Mos

Mos
Os tres premiados recibirán 1.000, 500 e 300 euros, respectivamente
premios-ronsel
21 Oct 2026

A Fundación Ronsel celebrará o vindeiro xoves, 22 de outubro, a XVI edición dos Premios Ronsel, unha cita destinada a recoñecer e dar visibilidade ao talento, á iniciativa emprendedora e ao traballo das persoas que impulsan os seus propios proxectos en Galicia.

A gala terá lugar ás 19:00 horas no Pazo de Mos, en Pontevedra, e reunirá os dez proxectos finalistas desta edición, que terán a oportunidade de presentar as súas iniciativas antes de que o xurado dea a coñecer os tres proxectos premiados.

A XVI edición está promovida pola Fundación Ronsel, conta co patrocinio de BBVA e coa colaboración da Xunta de Galicia.

Os Premios Ronsel volverán poñer o foco nas persoas e nos proxectos que están a dar forma a novas iniciativas empresariais, profesionais e sociais desde Galicia.

Os dez finalistas desta XVI edición son BePatagon, Pianoma, Padyak Tiempo Libre, Studio 33, Disduperios, Cándido Caneiro Escultor, La Casa de Ana, CEAC – Centro de Envellecemento Activo e Comunitario, Arestora e Horizonte Celta.

Unha selección especialmente diversa que reúne iniciativas vinculadas a ámbitos como a tecnoloxía e a sustentabilidade, a educación musical, o turismo activo, a actividade física e o benestar, a creación literaria e artística, o turismo, o envellecemento activo, o acompañamento nos procesos de dó ou a divulgación astronómica.

Esta diversidade permite mostrar distintas maneiras de converter unha idea, unha vocación ou unha necesidade detectada nun proxecto profesional.

Os finalistas, protagonistas da gala

A gala estará conducida por Cristina Maró e contará coa presenza e intervención de Marta Vázquez Guzmán, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Alejandro Lorenzo Alonso, alcalde do Porriño; e Enrique de la Fuente Subiela, director da Zona Galicia Sur de BBVA.

Tras estas intervencións, o protagonismo pasará aos dez proxectos finalistas. Cada un disporá dun máximo de dous minutos para presentar a súa iniciativa ante o público e o xurado, antes de que este se retire para deliberar.

Durante a deliberación, a gala abrirá un espazo de conversa para achegar ao público o traballo da Fundación Ronsel. Está prevista unha conversa con Luis García-Deber, director da Fundación Ronsel, sobre o labor de acompañamento que desenvolve a entidade con persoas emprendedoras e proxectos de autoemprego en Galicia.

A XVI edición concluirá coa entrega de tres premios económicos, dotados con 1.000 euros para o primeiro premio, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro, que recoñecerán os proxectos mellor valorados polo xurado.

Máis alá do recoñecemento económico, os Premios Ronsel buscan ofrecer un espazo de visibilidade e recoñecemento aos proxectos finalistas, poñendo en valor tanto as iniciativas como as persoas que están detrás delas.

Os tres proxectos premiados daranse a coñecer durante a propia gala, tras a deliberación do xurado.

A celebración dos Premios Ronsel volve saír do ámbito habitual das grandes cidades galegas. Tras a edición celebrada no Barco de Valdeorras en 2025, a gala trasládase este ano a Mos, reforzando a vontade da Fundación Ronsel de achegarse ás persoas emprendedoras e manter unha presenza cada vez máis próxima ao territorio.

Esta filosofía tamén está presente no traballo cotián da Fundación, que acompaña proxectos e persoas emprendedoras desde diferentes puntos de Galicia e participa en espazos como os Polos de Emprendemento do Porriño e do Barco de Valdeorras.

Unha traxectoria de apoio ao emprendemento

Con esta XVI edición, a Fundación Ronsel dá continuidade a uns premios que se converteron nunha oportunidade anual para visibilizar proxectos, compartir experiencias e recoñecer o esforzo que existe detrás de cada iniciativa emprendedora.

A través dos seus programas de acompañamento, formación e apoio ao emprendemento, a Fundación traballa para facilitar que as persoas poidan desenvolver os seus proxectos, mellorar a súa viabilidade e avanzar nas diferentes etapas da súa actividade profesional.

A cita será o vindeiro xoves, 22 de outubro, ás 19:00 horas, no Pazo de Mos (Camiño A Rúa, 1, Mos, Pontevedra).

0.27623796463013