'Diario de un infiltrado', de Samuel León e Saúl Valverde, gaña o Premio do Público do Cineuropa

A miniserie reconstrúe a infiltración dun cineasta nos círculos da extrema dereita chilena e os antecedentes do golpe de Estado e da ditadura de Pinochet
diario-de-un-infiltrado-cineuropa
23 Nov 2026

A cuadraxésima edición de Cineuropa pechou cunha resposta extraordinaria do público, ao superar as 20.000 asistencias e participacións ao longo dos 17 días de festival. As 195 sesións programadas rexistraron un total de 19.883 asistencias, un 14,4 % máis que na edición anterior, consolidando unha tendencia de crecemento que sitúa o festival nos seus mellores rexistros dos últimos anos. De feito, para atopar cifras de asistencia semellantes hai que remontarse a 2019, antes da pandemia, o que dá conta da recuperación e da capacidade de convocatoria de Cineuropa. A media diaria situouse nas 1.169 persoas espectadoras, fronte ás 1.022 de 2025, mentres que a ocupación media das salas acadou o 44,70 %.

Diario de un infiltrado (2026), de Samuel León e Saúl Valverde, resultou gañadora do Premio do Público do 40º Cineuropa ao acadar a puntuación máis alta entre as obras sometidas a votación, con 9,68 puntos. A miniserie, unha coprodución de Chile, España e Italia de catro capítulos e 268 minutos de duración, recupera a historia do cineasta español Miguel Herberg, que entre 1972 e 1974 se infiltrou nos círculos da extrema dereita chilena para documentar os preparativos do golpe de Estado, a implicación do Goberno estadounidense e a posterior represión da ditadura de Pinochet.

A través de centos de documentos, películas e fotografías, Herberg reuniu un valioso arquivo que incluía imaxes excepcionais dos campos de concentración de Chacabuco e Pisagua, fundamentais para denunciar internacionalmente as violacións dos dereitos humanos cometidas pola ditadura. A investigación e o material documental recuperados pola miniserie permiten reconstruír un episodio fundamental da historia recente de Chile e poñer en valor o papel do cinema como ferramenta de memoria e denuncia.

Con guión dos propios Samuel León e Saúl Valverde, fotografía de Andrés Lizina, Samuel León e Saúl Valverde, montaxe de Calef Inostroza e Juan Pablo Venegas e produción de Alberto Rull, a obra afonda nunha investigación histórica de gran complexidade. León conta cunha traxectoria de máis de 27 anos na industria audiovisual, mentres que Valverde iniciou a súa carreira no documental e nas instalacións audiovisuais antes de desenvolver o seu traballo na dirección creativa e na produción.

Con este título como obra mellor valorada polo público, o 40º Cineuropa culmina unha edición especial na que o festival celebrou catro décadas de compromiso co cinema, coa diversidade das olladas autorais e co encontro entre cineastas e espectadores. As proxeccións e actividades desenvolvéronse nos espazos habituais do festival: Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio de Galicia, NUMAX e Zona C.

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, a través de Compostela Cultura, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións e entidades culturais e empresariais.

1.688591003418