“Diarios” de Syra Alonso regresa en edición ampliada con material inédito

A obra recupera o testemuño da autora sobre a Guerra Civil e o seu exilio, cunha serie de actos en Vigo, A Coruña, Oleiros, Lugo e Ferrol durante abril e maio
Syra-Alonso-Diarios
21 Apr 2026

A editorial Alvarellos publica unha nova edición ampliada de Diarios de Syra Alonso, unha obra que recupera o testemuño persoal da autora coruñesa (1899–1970) sobre a Guerra Civil española e o exilio, e que inclúe agora material inédito, textos descoñecidos e un amplo apartado gráfico con fotografías e documentos pouco difundidos. A publicación volve poñer en primeiro plano unha das crónicas máis intensas da represión franquista en Galicia e a experiencia vital de Alonso durante a detención e asasinato do seu marido, o pintor Francisco Miguel.

Esta nova edición incorpora achegas de tres especialistas: un estudo introdutorio actualizado da xornalista e ensaísta Carme Vidal, a tradución ao galego de Anxos Sumai García e un epílogo do investigador mexicano Conrado J. Arranz Mínguez, quen ademais rescata a faceta literaria da autora e dá a coñecer un conto inédito titulado Tres homiños, ambientado na Galicia daquel tempo.

A obra relata con detalle o impacto da violencia tras o golpe de Estado de 1936, cando Francisco Miguel foi detido e posteriormente asasinado xunto a outras tres persoas en Bértoa, Carballo. Os seus restos non foron identificados ata a exhumación realizada en 2023 pola ARMH, feito que reactivou o interese pola memoria da autora e polos seus diarios, publicados por primeira vez no ano 2000.

Co motivo desta reedición, desenvolverase durante abril e maio unha serie de presentacións en diferentes localidades galegas. O ciclo comezará en Vigo o martes 21 de abril ás 20:00 horas na libraría Librouro, cun acto no que participarán o escritor Ramón Nicolás, representantes da ARMH e da editorial Alvarellos.

Continuará na Coruña o sábado 25 de abril ás 12:00 horas na Tobeira de Oza, cunha presentación e lectura de textos da obra con participación de diversas figuras do ámbito cultural e sanitario. O domingo 26 de abril a cita será en Santa Cruz, Oleiros, dentro da Festa do Libro na rúa, con intervencións de representantes da ARMH e da editorial.

Xa en maio, o ciclo chegará a Lugo o martes 28 ás 19:30 horas no Vello Cárcere, cun acto no que intervirán a escritora Marica Campo, membros do Club Cultural Valle-Inclán, da ARMH e da editorial. A programación pecharase en Ferrol o xoves 7 de maio ás 19:00 horas no Ateneo Ferrolán, coa participación de Inmaculada Otero, Susana Alániz e representantes da ARMH.

Esta nova edición de Diarios busca non só recuperar a memoria persoal de Syra Alonso, senón tamén poñer en valor o seu papel como testemuña fundamental da violencia franquista e como voz literaria do exilio.

0.33281302452087