‘Disco Comarcal’, o novo álbum de Familia Caamagno que celebra 15 anos sobre os escenarios, xa está dispoñible

O terceiro LP da banda de Sigüeiro consolida o seu papel referencial na escena galega e presentarase ao vivo o 6 de febreiro na Sala Capitol cun concerto especial acompañado d’A Orquestra do Quince.
Familia Caamagno
26 Jan 2026

A banda galega Familia Caamagno publica hoxe o seu terceiro LP, Disco Comarcal, un traballo discográfico co que celebra 15 anos sobre os escenarios e que consolida o seu papel como unha das formacións máis recoñecibles da escena pop e rock do país.

O álbum, producido por Raúl Pérez no recoñecido estudo granadino La Mina, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e destaca pola súa solidez compositiva e pola versatilidade estilística do quinteto de Sigüeiro. Ao longo dos seus oito temas, Disco Comarcal transita polo power pop e o rock, incorpora melodías con reminiscencias disco e mesmo achegamentos ao R&B, sen perder a identidade sonora e lírica que caracteriza á banda.

As letras manteñen o ton retranqueiro, crítico e emocional habitual de Familia Caamagno. O álbum rende homenaxe ás discotecas rurais que funcionaron como espazos de cohesión social nas décadas dos 80 e 90, hoxe practicamente desaparecidas, ao tempo que reflexiona sobre cuestións actuais como o impacto do turbocapitalismo nas relacións persoais ou as rupturas sentimentais, estas últimas abordadas mesmo a través de relatos de carácter fantástico.

Temas como De paseo en Portugal amosan a faciana máis luminosa e catártica da banda, mentres que Bomba de calor ou Milagre económico poñen o foco na realidade económica e social contemporánea. En Xa sei quen dis ou Segnor do pasado, o grupo móstrase especialmente crítico con determinados perfís sociais, e en O día da Festa recupera o espírito das verbenas e celebracións populares que forman parte do imaxinario colectivo galego. Pola súa banda, Antigos astronautas introduce unha nota de nostalxia cunha melodía inicial melancólica que desemboca nun retrouso luminoso, servindo de metáfora emocional para o final dunha relación.

A imaxe gráfica do disco está asinada polo deseñador Álvaro Fernández (@unbuentipo), reforzando a identidade visual dun proxecto que reivindica as salas de festas comarcais como punto de partida dun percorrido musical e emocional moi ligado á memoria colectiva.

Presentación ao vivo

Disco Comarcal darase a coñecer ao vivo o vindeiro venres 6 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Será un concerto especial no que Familia Caamagno interpretará os novos temas con arranxos creados expresamente para a ocasión, acompañados por A Orquestra do Quince, unha formación de instrumentos de vento e teclados que promete converter a noite nunha auténtica festa.

A xornada arrancará ás 21:30 horas coa actuación da banda convidada Ulex, chamada a ter un papel destacado na escena galega nos vindeiros anos. Tras o concerto principal, a celebración continuará na Sala Riquela cunha sesión de baile a cargo das picadiscos Pídechas o corpo. As entradas están xa á venda a través da web da Sala Capitol.

⚙ Configurar cookies
0.23009395599365