Doce expertos de Polonia coñecen en Galicia experiencias de apoio á mocidade con problemas de saúde mental

Unha comitiva formada por doce persoas expertas de Polonia e doutros países europeos visitou Galicia para coñecer de primeira man diferentes experiencias de apoio á mocidade con problemas de saúde mental, especialmente no ámbito do emprego e da atención integral.
A visita, coordinada pola Plataforma de Aprendizaxe de Políticas de Interreg Europa, enmárcase nun intercambio de experiencias e coñecementos sobre os retos e oportunidades relacionados cos sistemas de apoio á mocidade con problemas de saúde mental no mercado laboral.
O grupo, procedente da Rexión de Pomerania, en Polonia, está a analizar solucións que permitan ofrecer á mocidade con problemas de saúde mental espazos accesibles con apoios multidisciplinares adaptados ás súas necesidades. Entre as posibilidades que se están a estudar figura o desenvolvemento dun modelo piloto de centros de apoio nun contorno máis informal, nos que se poida ofrecer unha atención integral nun único espazo.
Neste contexto, a comitiva participou este martes nunha xornada de traballo en Saúde Mental FEAFES Galicia para coñecer o modelo galego e diferentes prácticas desenvolvidas na comunidade. O encontro permitiu fomentar a aprendizaxe mutua e explorar futuras vías de colaboración, seguindo a metodoloxía establecida pola Plataforma de Aprendizaxe de Políticas de Interreg Europa.
Na visita participaron seis representantes da Rexión de Pomerania, tres persoas expertas de Interreg Europa e tres integrantes dun equipo internacional de expertos procedentes de España, Eslovenia e Lituania. A delegación foi recibida por persoal técnico e directivo de Saúde Mental FEAFES Galicia. No encontro tamén participaron Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, e Almudena Díaz, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde.
Ao longo da mañá presentáronse diferentes proxectos desenvolvidos en Galicia nos ámbitos da saúde mental, o emprego e a mocidade. O persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia explicou o modelo de atención integral da entidade e o funcionamento do seu Servizo de Formación e Emprego, un recurso pioneiro en España integrado nos servizos de orientación laboral do SEPE e especializado nas necesidades específicas das persoas con problemas de saúde mental.
Pola súa banda, representantes da asociación DOA Saúde Mental presentaron o seu programa de atención integral a persoas mozas con enfermidade mental e ás súas familias, que conta cun espazo físico específico adaptado ás inquedanzas e necesidades da mocidade.
A xornada tamén permitiu coñecer o programa “A Carón”, unha iniciativa de intercambio e enriquecemento interxeracional entre mozos e mozas e persoas maiores con problemas de saúde mental. Así mesmo, participantes no programa “Fórmate na Empresa” explicaron este proxecto destinado a impulsar prácticas non laborais en empresas para persoas mozas con problemas de saúde mental.
As representantes da Xunta de Galicia presentaron tamén o apoio e compromiso da Administración galega con estas e outras iniciativas dirixidas á atención da mocidade con problemas de saúde mental. Ademais, deron a coñecer o Plan Galego de Saúde Mental e o programa YAM de prevención escolar universal do suicidio, promovido pola Consellería de Sanidade.
Tras as presentacións celebrouse un xantar de convivencia entre as persoas participantes. A xornada rematou cun espazo de debate, reflexión e conclusións destinado a formular propostas que poidan ser de utilidade para a Rexión de Pomerania no deseño do seu futuro modelo de apoio á mocidade con problemas de saúde mental.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. A organización ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida destas persoas e das súas familias e actualmente agrupa doce asociacións distribuídas por toda Galicia, con centros e servizos en máis de trinta localidades.