Dolores Vilavedra presidirá o Consello da Cultura Galega

Renova tamén cargos en Emprego e Portos de Galicia cos nomeamentos de Susana Pérez Iglesias e Natalia Botana Rey
dolores-vilavedra
15 Jun 2026

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se nomea a Dolores Vilavedra como presidenta do Consello da Cultura Galega, tras ser elixida no pleno extraordinario desta institución, que tivo lugar o 27 de maio de 2026, en substitución de Rosario Álvarez, quen ocupaba este cargo desde 2018.

Catedrática de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela ata este momento, Vilavedra formaba parte do plenario do Consello do Cultura Galega en representación do Instituto da Lingua Galega e era vicepresidenta e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación.

Especialista en narrativa galega contemporánea, exerce habitualmente a crítica literaria en medios especializados e divulgativos. Ademais, foi membro do consello de redacción da revista Grial e directora do Anuario de Estudos Literarios Galegos entre 2002 e 2007. Coordinou a elaboración do Dicionario da literatura galega, en 4 tomos, e entre as súas publicacións salientan Historia da literatura galega (1999), Sobre narrativa galega contemporánea (2000) e A narrativa galega na fin de século. Unha ollada crítica (2010) . De igual xeito, foi responsable da edición de varios epistolarios de escritores e intelectuais galegos, como Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero ou Xosé Neira Vilas, e de obras clásicas, entre as cales se atopan Follas novas, de Rosalía de Catro; Retrincos, de Castelao ou O castelo de Pambre, de Antonio López Ferreiro. É membro da Asociación Galega da Crítica, entidade da cal foi fundadora.

Outros dous novos nomeamentos

Ademais, por unha banda, designou a Susana Pérez Iglesias como nova secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais e, por outra, acordou o nomeamento de Natalia Botana Rey como presidenta de Portos de Galicia.

Susana Pérez Iglesias substitúe no cargo a Pablo Fernández López, que a comezos deste mes foi nomeado delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Nada en Vigo en 1984, é licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo, onde tamén cursou un mestrado en Finanzas. Ademais, conta con formación internacional en Finanzas pola Universidade de Bratislava e un Executive MBA pola Galicia Business School.

A súa traxectoria profesional supera as dúas décadas de experiencia en ámbitos como a dirección financeira, a consultoría estratéxica e a xestión de proxectos, con especial dedicación ao desenvolvemento empresarial e ao financiamento público. Ata o de agora exercía como directora de INFI Consultores, ademais de ter sido directora de Etiqueta Ibérica entre 2013 e 2026 e presidenta fundadora de Empresarias Galicia entre 2016 e 2026. Ao longo da súa carreira tamén desenvolveu labores de asesoramento empresarial, promoción do emprendemento feminino e captación de financiamento para pequenas e medianas empresas. Entre os recoñecementos recibidos figuran o Premio Executivos Galicia 2018 á Xestión Empresarial e Institucional e a súa inclusión en diferentes clasificacións de mulleres líderes e influentes do ámbito empresarial galego e nacional.

Pola súa banda, Natalia Botana Rey asumirá a presidencia de Portos de Galicia, organismo dependente da Consellería do Mar. O posto permanecía vacante desde que o anterior presidente, José Antonio Álvarez Vidal, fose nomeado hai dúas semanas presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

Nada en Vigo en 1969, Botana é licenciada en Veterinaria e ocupaba desde xaneiro de 2021 o cargo de directora territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra. Funcionaria da Administración autonómica desde o ano 2000, desempeñou distintos postos relacionados co control de riscos ambientais e a inspección veterinaria oficial.

A súa experiencia profesional inclúe ademais unha etapa en Bruxelas, onde traballou na Dirección Xeral do Mar da Comisión Europea (DG MARE), participando na xestión de datos e accións estruturais para varios países europeos. Así mesmo, representou ás comunidades autónomas españolas no comité europeo da cadea alimentaria. Con este nomeamento, a Xunta cobre a vacante á fronte do ente público encargado da xestión dos portos autonómicos galegos.

0.33650183677673