Dous centros educativos da Coruña gañan un premio pola igualdade de xénero

Os afortunados do XIII Premio Concepción Arenal foron o CEIP Plurilingüe Sobrado-Nebra e o IES Antonio Fraguas
xurado-premio-concepcion-arenal
18 Sep 2026

O XIII Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero, convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña xa ten gañadores: “eNEBRAndo Igualdade”, do CEIP Plurilingüe Sobrado-Nebra (Porto do Son), na categoría B, para educación primaria; e “Facernos escoitar: Fraguando igualdade e diversidade na escola”, do IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), na categoría C, para secundaria, bacharelato e formación profesional básica e de grao medio. Quedou deserta a categoría A, para educación infantil, á que non concorreu ningunha proposta, polas catro que se presentaron en cada unha das outras dúas modalidades.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, presidiu un xurado que estivo formado por Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, Inmaculada Cortón Tesouro e Helga Vázquez Regueira . Actuou como secretaria Eva Ovenza, xefa da sección de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación.

Agra deulles aos parabéns aos premios. "Ambos proxectos son un exemplo claro de como a comunidade educativa se pode implicar de xeito activo na construción dende as aulas dunha sociedade máis xusta, igualitaria e diversa".

“Desde a Deputación da Coruña”, explicou, “seguimos apostando con firmeza por este certame e polo labor do profesorado e do alumnado, que demostran cada día que a educación é a ferramenta máis potente para erradicar as desigualdades desde as etapas máis temperás”.

Proxectos gañadores

De “eNEBRAndo Igualdade”, o xurado destacou “o seu forte vínculo coa contorna rural, cunha participación moi elevada da comunidade educativa e veciñal e cunha boa fundamentación inicial baseada nunha diagnose DAFO”. A proposta integra accións diversas –análise crítica das redes, memoria interxeracional e referentes galegas– “cun enfoque transversal ao longo de todo o curso”. En conxunto, segundo comité avaliador, “trátase dun proxecto completo e de forte impacto comunitario, que traballa a igualdade de xeito transversal en diferentes ámbitos como o musical, a narrativa, a divulgación social e os espazos dixitais”.

Para o xurado, o proxecto “Facernos escoitar: Fraguando igualdade e diversidade na escola” destaca “pola súa ampla participación e pola forte implicación do profesorado, articulando radio escolar, obradoiros afectivo-sexuais e accións de reflexión arredor da igualdade, a diversidade e a prevención da violencia de xénero, con especial atención á normatividade dos corpos a través de actividades como os obradoiros de gordofobia”. A valoración técnica salienta tamén “a variedade e innovación dos formatos empregados –podcasts, arte urbana, ferramentas TIC– e a consolidación dunha traxectoria transversal no centro”. “En conxunto”, conclúe, “é unha proposta dinámica e de gran alcance pola súa intensidade e compromiso comunitario”.

0.36592888832092