Down Galicia lanza unha campaña de sensibilización sobre o envellecemento prematuro do colectivo

Nas últimas décadas, a esperanza de vida das persoas coa síndrome de Down medrou de xeito notable, situándose actualmente e con frecuencia por riba dos 60 anos
campana-envellecemento-down-galicia
1 Oct 2026

Con motivo da conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores, a Federación Down Galicia lanza unha campaña de sensibilización para dar visibilidade a unha realidade aínda descoñecida por gran parte da sociedade: o envellecemento prematuro das persoas coa síndrome de Down.

A campaña arrancou a pasada semana en redes sociais cunha estratexia de expectación arredor da imaxe de Pablo, un usuario de 49 anos cuxo aspecto físico xerou debate entre a cidadanía sobre a súa idade real. Co lanzamento dun vídeo este 1 de outubro, a entidade revela o misterio e pon sobre a mesa os retos biolóxicos, sociais e asistenciais que afrontan as persoas coa síndrome de Down durante a etapa do envellecemento.

Nas últimas décadas, a esperanza de vida das persoas coa síndrome de Down medrou de xeito notable, situándose actualmente e con frecuencia por riba dos 60 anos. Este avance é o resultado do progreso na atención sanitaria, o acceso á educación inclusiva, a incorporación ao mercado laboral e unha maior inclusión na vida comunitaria.

Non obstante, este logro trae consigo novas necesidades. O reloxo biolóxico do colectivo avanza a un ritmo diferente: o proceso de envellecemento adoita manifestarse arredor dos 40 anos, cando poden comezar a xurdir signos físicos, cambios na memoria, na autonomía e nas rutinas diarias. Ademais, as persoas coa síndrome de Down presentan un risco significativamente máis elevado de desenvolver a enfermidade de Alzheimer.

Desde Down Galicia lembran que "envellecer antes non significa deixar de vivir nin de decidir sobre a propia vida”. O envellecemento activo, o lecer, o mantemento das amizades e da autonomía son clave para preservar as capacidades cognitivas e a independencia das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Para facer fronte a esta nova realidade sociosanitaria, a Federación Down Galicia fai un chamamento urxente ás administracións públicas e á sociedade para coordinar unha resposta eficaz e dotada de recursos suficientes.

En primeiro lugar, resulta primordial garantir unha detección temperá e un seguimento personalizado. Isto supón implantar plans de apoio individualizados e unha atención sociosanitaria especializada que se poñan en marcha moito antes de que se manifesten os primeiros signos de deterioro cognitivo, permitindo actuar de xeito preventivo e preservar as capacidades da persoa durante o máximo tempo posible.

Así mesmo, é indispensable contar con recursos e servizos adaptados ao ritmo biolóxico das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Por tanto, é prioritario impulsar programas específicos de envellecemento activo que estean deseñados para manter a calidade de vida, promover a autonomía persoal e fomentar a participación social continua, evitando o illamento e asegurando que estas persoas sigan a ser parte activa da súa comunidade.

Por último, Down Galicia pon o foco na necesidade dunha xubilación adaptada. A entidade reclama a adecuación dos marcos legais vixentes sobre xubilación anticipada para que respondan de xeito real á acelerada evolución biolóxica das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, garantíndolles así unha transición laboral xusta e un descanso digno no momento en que a súa saúde e condición física o requiran.

0.37525415420532