Down Galicia presenta unha nova guía para impulsar a accesibilidade e a inclusión nas aulas

Coincidindo co inicio do novo curso escolar, a Federación Down Galicia presentou a guía «Únete ao reto da escola participativa», un novo material divulgativo dirixido ao profesorado co que pretende facilitar a transformación dos centros educativos galegos en contornas plenamente inclusivas.
A publicación ofrece aos equipos docentes e directivos ferramentas teórico-prácticas para identificar e eliminar as barreiras que poden dificultar a participación e a aprendizaxe do alumnado. Down Galicia salienta que a accesibilidade cognitiva, física e sensorial non debe entenderse como unha medida opcional ou un simple recurso pedagóxico, senón como un dereito fundamental de todo o alumnado.
A guía está pensada para ter unha aplicación directa no día a día dos centros e aborda cuestións como os conceptos básicos da accesibilidade universal, a detección de barreiras físicas, cognitivas, comunicativas e metodolóxicas ou o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), un modelo que propón deseñar as experiencias educativas desde o inicio tendo en conta a diversidade do alumnado.
O documento tamén incorpora recursos, materiais e estratexias para favorecer contornas de aprendizaxe máis accesibles e participativas, así como un apartado de preguntas frecuentes para responder ás principais dúbidas e dificultades ás que se enfronta o profesorado no seu traballo diario.
Con esta iniciativa, Down Galicia pretende que os beneficios da accesibilidade e da inclusión cheguen ao conxunto do alumnado e non unicamente aos nenos e nenas coa síndrome de Down ou con outras discapacidades intelectuais.
A federación reafirma así a súa defensa dun modelo educativo ordinario, inclusivo e de calidade. A entidade considera que a inclusión non debe consistir en «adaptar ao alumno ou alumna ao sistema», senón en transformar o propio sistema educativo para que poida responder ás necesidades de todas as persoas.
Down Galicia advirte ademais de que a segregación ou a ausencia de apoios nos centros ordinarios pode vulnerar os dereitos recollidos na Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas coa Discapacidade. Por este motivo, reclama avanzar cara a unha escola que garanta a equidade, a presenza, a participación e o logro de todo o alumnado, dotando o profesorado dos recursos e da formación necesarios.
A guía pode consultarse na ligazón facilitada pola federación. Down Galicia ten previsto, ademais, publicar novos materiais sobre accesibilidade destinados a outros colectivos da comunidade educativa, como as familias, o alumnado e o persoal non docente.