Dúas estudantes de Lugo e Zas gañan a IX edición do concurso de videopoemas da Casa-Museo Manuel María

O certame reuniu case un cento de traballos de centros educativos de toda Galiza e recoñeceu tamén unha mención de honra para un videopoema do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra
videopoemas-Manuel-María-Outeiro-de-Rei
10 May 2026

Alicia González Pérez, do Colexio Marista A Inmaculada, e Mónica Ínsua Torralba, do IES Maximino Romero de Lema, resultaron gañadoras da IX edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Alicia González Pérez foi premiada polo videopoema Adiós ríos, adiós fontes, mentres que Mónica Ínsua Torralba acadou o recoñecemento co traballo A xustiza pola man.

A entrega de premios celebrouse en Outeiro de Rei nun acto no que se proxectaron os doce videopoemas finalistas desta edición, na que participaron preto dun cento de traballos enviados desde diferentes centros educativos de toda Galiza.

O xurado do certame estivo integrado polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista Eduardo Álvarez González e a profesora e guionista Anxa G. Refoxo. No caso do videopoema Adiós ríos, adiós fontes, o xurado destacou “unha potente lectura do poema que é capaz de provocar movemento no estatismo das imaxes, e que, coa inclusión da imaxe persoal, consegue presentar unha historia viva”.

Sobre o traballo A xustiza pola man, o xurado salientou que se trata dunha peza “en que todo funciona: interpretación, fotografía, vestiario, lectura do poema e montaxe”, ademais de valorar que “o recurso de fóra de campo como elemento narrativo consegue unha sobresaliente estimulación dos sentidos e visualización activa”.

Ademais, o xurado acordou conceder unha mención de honra a Julia Balboa Maquieira e Kiara Agulla Bonvehí, do IES Frei Martín Sarmiento, polo videopoema Quíxente tanto, meniña. Neste caso, destacaron as “poéticas e poderosas imaxes” e os “orixinais efectos sonoros” que contribúen a potenciar “o ritmo intimista do recitado”.

O Concurso de videopoemas da Casa-Museo Manuel María ten como obxectivo fomentar a creatividade artística a través da unión entre palabra e imaxe, así como contribuír á difusión da obra de Rosalía de Castro e Manuel María. Nesta edición participaron estudantes de centros educativos de Lugo, Chantada, Pedrafita do Cebreiro, Cee, A Estrada, A Coruña, Compostela, Nigrán, O Porriño, Zas, Trazo, Miño, Ferrol, Vedra, Pontevedra, Lalín e Marín.

0.28053402900696