Dúas propostas de música galega poñerán ritmo este martes ás Festas do Cristo de Cangas

Nacho · Faia · Lar e Alana actuarán este martes 25 de agosto nas naves de Ojea a partir das 22.00 horas dentro do programa +Música
Nacho · Faia · Lar
23 Aug 2026

As Festas do Cristo de Cangas de Morrazo vivirán este martes 25 de agosto unha noite dedicada á música galega coas actuacións de Nacho · Faia · Lar e Alana. As dúas propostas sucederanse a partir das 22.00 horas nas naves de Ojea dentro do programa provincial +Música.

A primeira actuación correrá a cargo de Nacho · Faia · Lar, un proxecto formado por Nacho Muñoz (Igmig), ao piano e electrónica, Faia Díaz (FAIA, de Vacas), á voz, e Lar Legido (Sumrrá), á batería.

O espectáculo, titulado 'De não saber o que me espera', achégase á figura e ao repertorio do cantante portugués Zeca Afonso desde unha perspectiva contemporánea e transgresora. A proposta combina música tradicional e experimental para ofrecer unha nova visión da súa obra.

A noite continuará con Alana, formación integrada por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. A súa proposta mestura música tradicional con ritmos electrónicos e pop a partir das recollidas de música popular, un traballo realizado coa colaboración de numerosas mulleres que contribúen a preservar a riqueza da tradición.

'O xeito á cántigha' é o título do seu primeiro disco, tomado dunha das recollidas de Dorothé Schubarth recompiladas no Cancioneiro Popular Galego Delfina de Cerceda.

O grupo conseguiu diferentes recoñecementos desde a súa creación. No seu primeiro ano de vida gañou o Premio Xuventude Crea na categoría de música e o concurso de bandas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Tamén foi finalista como mellor proxecto de folk nos Premios da Música Galega Martín Códax e semifinalista como mellor álbum en galego nos Premios MIN.

Unha programación que chegará a 58 concellos

As actuacións de Cangas forman parte das 93 propostas que o programa +Música desenvolverá entre maio e decembro en 58 concellos da provincia de Pontevedra con menos de 50.000 habitantes.

A iniciativa conta cun orzamento de 700.000 euros, cos que a Deputación de Pontevedra asume os cachés dos espectáculos e apoia a programación cultural dos municipios.

O programa busca ademais descentralizar a oferta cultural e levar propostas de calidade a diferentes puntos da provincia, ao tempo que contribúe a difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas.

0.25927114486694