Ecoloxistas denuncian a contaminación do río Pontiñas en Lalín e alertan da presión da gandería intensiva

A asociación Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde reclama investigar a orixe da eutrofización e advirte do risco que a contaminación por nitratos e fosfatos pode supoñer para as augas de consumo
rio-pontinos-lalin
19 Aug 2026

A asociación medioambiental Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde (EGAV) presentou unha denuncia ante diferentes administracións polo estado das augas do río Pontiñas ao seu paso polo paseo fluvial de Lalín. A entidade alerta dun elevado grao de eutrofización e de fortes cheiros que, segundo sinala, poderían estar relacionados coa presenza de verteduras con altas concentracións de nitratos e fosfatos.

A denuncia foi presentada o pasado 11 de agosto ante o SEPRONA, o Concello de Lalín, Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. EGAV solicita que se investigue a procedencia da contaminación e que se adopten as medidas necesarias para poñerlle fin, así como que se depuren responsabilidades no caso de confirmarse a existencia de verteduras ilegais.

A organización explica que a eutrofización se produce cando existe un exceso de nutrientes, principalmente nitróxeno e fósforo, que provoca unha proliferación descontrolada de organismos e altera o equilibrio dos ecosistemas fluviais. Esta situación pode dificultar o paso da luz ás zonas máis profundas da auga e afectar á calidade das masas de auga.

Segundo EGAV, o caso do Pontiñas non sería illado. A asociación alerta de que varios ríos da comarca do Deza e o encoro de Portodemouros acumularon durante este verán restricións relacionadas coa contaminación. Entre os exemplos citados está o río Furelos, ao seu paso por Melide, cuxa praia fluvial leva cinco anos consecutivos coa auga considerada non apta para o baño e que este ano entrou na lista de prohibición permanente de baño da Xunta de Galicia.

Tamén a praia fluvial de Vilatuxe, en Lalín, se viu afectada este verán por unha prohibición de baño debido á presenza de bacterias enterococos intestinais no río Deza.

A situación máis grave, segundo a asociación, dáse no encoro de Portodemouros, en Brocos, Agolada. De acordo co último informe da Consellería de Sanidade, actualizado o 14 de agosto de 2026, a área recreativa de Brocos atópase nun nivel de Alerta 2 pola presenza de cianobacterias, coa correspondente recomendación de prohibición do baño debido á elevada probabilidade de efectos adversos para a saúde.

EGAV lembra que esta situación coincidiu coa celebración do festival Umbra, que reuniu miles de persoas entre o 11 e o 13 de agosto para asistir á eclipse solar total do día 12. O evento, centrado na música e na natureza, desenvolveuse precisamente nas proximidades do encoro.

A asociación tamén pon o foco na elevada presenza de gando porcino na comarca. Segundo datos de 2023 recollidos polo Faro de Vigo, o Deza conta cunha media de nove porcos por habitante, aínda que existen importantes diferenzas entre concellos. En Agolada a proporción sería de 13 porcos por persoa, en Rodeiro de 46 e en Dozón chegaría ata os 70.

No caso de Rodeiro, con algo máis de 2.200 habitantes, EGAV sinala que a cabana porcina supera os 100.000 animais. En Agolada, cunha poboación similar, serían máis de 30.000 porcos.

A entidade considera que a elevada carga gandeira intensiva debe ser tida en conta á hora de analizar a situación das masas de auga da comarca e advirte tamén das consecuencias que pode ter a contaminación por nitratos e fosfatos sobre os recursos hídricos utilizados pola poboación rural.

Neste sentido, EGAV alerta de que a contaminación pode afectar non só ás zonas de baño, senón tamén a pozos, fontes e captacións empregadas para o abastecemento de auga. A asociación chama especialmente a atención sobre o risco asociado aos nitratos e ás cianobacterias e reclama maiores controis sobre a calidade da auga.

A organización lembra tamén o precedente do encoro das Conchas, en Lobeira, Ourense, onde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou en xullo de 2025 á Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil por non actuar ante a contaminación do encoro. A sentenza, que non é firme, considerou vulnerados determinados dereitos fundamentais da veciñanza e ordenou adoptar medidas para garantir a dispoñibilidade de auga potable segura.

Para EGAV, a situación detectada no Pontiñas, xunto cos problemas rexistrados noutras masas de auga do Deza e Portodemouros, evidencia a necesidade de actuar antes de que a contaminación poida afectar de maneira máis grave á saúde e ao medio ambiente.

A asociación reclama unha investigación urxente sobre a orixe da contaminación do río Pontiñas e a depuración de responsabilidades se se confirma a existencia de verteduras ilegais. Ademais, pide unha moratoria inmediata para a instalación e ampliación de explotacións de gandería industrial en Galicia e defende a aplicación do precedente das Conchas ao conxunto da comunidade autónoma.

0.36418294906616