Ecoloxistas en Acción denuncia a contaminación do aire en Matamá polas emisións de Stellantis e alerta de efectos na saúde

Un informe detecta superacións dos valores recomendados pola OMS para partículas PM2,5 e dióxido de nitróxeno, mentres unha enquisa a 117 veciños revela que o 44 % declara padecer algunha enfermidade crónica analizada
stellantis-efectos-saude-contaminacion
13 Oct 2026

Ecoloxistas en Acción, coa colaboración da Asociación Veciñal A Unión de Matamá, denuncia a mala calidade do aire na contorna da fábrica de Stellantis, en Vigo, e alerta dos posibles efectos das emisións industriais na saúde da veciñanza. A organización presentou dous informes elaborados a partir de medicións de contaminantes atmosféricos e dunha enquisa sobre a percepción da calidade do aire e o estado de saúde da poboación.

Os documentos, rexistrados na sede da Xunta de Galicia en Vigo, van acompañados dunha petición de resposta administrativa e sanitaria ante a situación que describen. As entidades reclaman que se adopten medidas para garantir que as emisións da factoría se manteñan por debaixo dos valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

O estudo sobre a contaminación atmosférica desenvolveuse entre maio e xullo de 2026 mediante unha campaña de ciencia cidadá. Para medir as concentracións de partículas PM2,5 e PM10 empregouse un sensor óptico Temtop M2000C instalado en fogares próximos ao núcleo industrial. Ademais, realizouse unha campaña de biomonitorización con tubos pasivos de dióxido de nitróxeno (NO₂) en 15 puntos residenciais, entre o 27 de maio e o 7 de xullo. As mostras foron analizadas polo laboratorio da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade Politécnica de Madrid (ETSII-UPM).

Segundo os resultados, os valores de referencia da OMS para as partículas PM2,5 superáronse con frecuencia. O informe identifica un episodio de elevada contaminación no que as concentracións de PM10 chegaron a aproximadamente 75 microgramos por metro cúbico e as de PM2,5, a uns 55 microgramos por metro cúbico. No caso do dióxido de nitróxeno, o 93 % dos puntos válidos analizados —13 de 14— superou os valores medios anuais recomendados pola organización internacional.

As conclusións do documento, segundo Ecoloxistas en Acción, coinciden cos datos oficiais de calidade do aire de MeteoGalicia correspondentes a xuño de 2026, que tamén reflicten superacións dos valores recomendados pola OMS para PM2,5 e NO₂. A entidade lembra, ademais, que o rexistro oficial PRTR recolle emisións declaradas pola propia fábrica de 2.430 quilos anuais de óxidos de nitróxeno (NOx) e entre 1,79 e 2,65 millóns de quilos anuais de compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM).

O informe tamén recolle os problemas de overspray, partículas de pintura procedentes das cámaras de pintado da factoría que, segundo os residentes, se depositan sobre vehículos estacionados nas rúas de Matamá situadas detrás da planta. A veciñanza denuncia danos recorrentes nas carrozarías, nos cristais e noutros elementos exteriores dos coches. O documento incorpora un rexistro fotográfico xeolocalizado destes depósitos.

En paralelo, entre maio e xuño deste ano realizouse unha enquisa presencial a 117 persoas adultas residentes en Matamá para coñecer a súa percepción da calidade do aire e a presenza autodeclarada de enfermidades crónicas, entre elas asma, enfermidades cardíacas, cancro e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC).

Segundo os resultados, o 44 % das persoas enquisadas declara padecer algunha das patoloxías analizadas, fronte ao 56 % que non sinala ningunha. A asma é a máis frecuente, cun 20 %, seguida do cancro, cun 11 %, das enfermidades cardíacas, cun 7 %, e da EPOC, cun 6 %. A enquisa tamén recolle numerosas respostas que aluden a picor de gorxa, irritación das vías respiratorias superiores, cheiros fortes e ruído.

A percepción da calidade do aire é maioritariamente negativa: o 67 % dos participantes cualifícaa como mala ou moi mala, mentres que só o 5 % a considera boa.

A autora do informe sinala que os resultados non permiten atribuír con certeza todos os problemas de calidade do aire de Matamá a unha única orixe industrial. Porén, considera que as medicións e os demais datos achegan evidencias converxentes da existencia dunha exposición localizada que podería estar relacionada coas emisións dos procesos de lacado da factoría de Stellantis.

Ecoloxistas en Acción e a Asociación Veciñal A Unión de Matamá solicitan á Xunta que adopte as medidas necesarias para controlar as emisións e protexer a saúde da poboación residente nas proximidades da fábrica.

«Resulta incomprensible como unha empresa que gaña tantos cartos como Stellantis estea prexudicando a saúde dos veciños da contorna desta fábrica por aforrar uns euros no proceso de filtrado e depuración das emisións de partículas. Non se trata de que peche a fábrica, senón de que cumpra a lei e non xogue coa calidade de vida das e dos vigueses», afirma a voceira da organización ecoloxista.

0.47144389152527