Ecoloxistas en Acción denuncia que a Xunta licita dereitos mineiros sobre o 7 % do territorio galego

A organización anuncia accións xudiciais contra os 153 dereitos postos a concurso, que afectan a máis de 206.000 hectáreas, e reclama unha planificación mineira con avaliación ambiental e participación pública
Mina-de-San-Finx-Lousame
10 Oct 2026

Ecoloxistas en Acción denuncia que a Xunta de Galicia sacou a concurso 153 dereitos mineiros que afectan a 206.366,89 hectáreas, arredor do 7 % do territorio galego. Os dereitos están repartidos entre 70 concellos das catro provincias e inclúen 126 permisos de investigación e 27 concesións de explotación.

Entre os dereitos que o Goberno galego pretende volver poñer en explotación figuran os de San Finx, en Lousame; Varilongo, en Santa Comba; e Corcoesto, en Coristanco. Ademais, os antigos dereitos mineiros de Fontao, en Vila de Cruces, aparecen incluídos entre os permisos de investigación.

A organización cualifica a iniciativa de "acto de destrución masiva" e considera que a Xunta está poñendo extensas zonas de Galicia a disposición de empresas extractivas sen contar cunha planificación sectorial previa sometida á correspondente avaliación ambiental estratéxica.

Segundo Ecoloxistas en Acción, a convocatoria dos concursos é ilegal porque se realizou sen aprobar antes o instrumento de planificación que debería ordenar a actividade mineira. A entidade sostén que esta vía permite evitar unha análise global dos efectos acumulativos que a expansión das explotacións pode ter sobre o territorio.

O Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (PSAE), que debería establecer as directrices para organizar a actividade mineira, continúa sen aprobarse despois de que a Xunta paralizase a súa tramitación en 2013.

"A Xunta pretende decidir agora, a través de centos de expedientes individuais, onde se poderán abrir minas en Galicia, sen aprobar antes o instrumento de planificación preceptivo que debería ordenar o conxunto da actividade", denuncia Isabel García, coordinadora da área mineira de Ecoloxistas en Acción.

Accións xudiciais contra os concursos

A organización anuncia que emprenderá accións xudiciais contra as convocatorias, tanto de maneira individual para os proxectos de San Finx, Corcoesto e Varilongo como contra os concursos no seu conxunto.

No caso de San Finx, alerta de que a declaración de caducidade se outorgou, ao seu xuízo, de maneira ilegal. Segundo explica, existen tres procedementos contencioso-administrativos pendentes de resolución no Tribunal Superior de Xustiza relacionados con este acordo. Por iso, considera que non ten sentido licitar dereitos mineiros sobre os que existen litixios que poderían invalidar as adxudicacións.

Ecoloxistas en Acción tamén cuestiona que os terreos se declarasen caducados e francos e volvesen saír a concurso sen executar antes a restauración dos espazos afectados. A entidade argumenta que a lexislación básica estatal esixe realizar o plan de restauración correspondente antes de autorizar a caducidade ou o cesamento das actividades mineiras.

En San Finx, sinala como elementos especialmente problemáticos as presas de residuos construídas sobre o leito do río e as máis de 170 labores e cavidades mineiras repartidas polas concesións.

A organización reclama á Xunta que paralice os concursos, aprobe previamente unha planificación mineira sometida a avaliación ambiental estratéxica e participación pública e garanta a restauración dos espazos afectados antes de impulsar novas explotacións.

"Non se pode planificar a minería a golpe de concurso. É necesario que a cidadanía teña voz en relación ao futuro do territorio e garantir que quen contamina paga e restaura", conclúe Ecoloxistas en Acción.

0.39397501945496