Ecoloxistas reúnense en Vigo para facer un estudo da situción arbórea e propoñer melloras

Grupos organizados en máis de 150 municipios das 17 comunidades autónomas, entre eles 39 capitais de provincia, participarán no “Ecomapeo Estatal. Aquí falta unha árbore!”. A actividade, promovida por Alianza polo Clima, Barrios polo Clima, a Confederación Estatal de Asociacións Veciñais, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Intermón Oxfam e Mocidade polo Clima, busca visibilizar o estado do arboredo urbano e propor melloras aos gobernos locais.
Durante o 3 e o 4 de outubro, as persoas participantes poderán sinalar en ecomapa.org alcorques baleiros, tocones e árbores secas, tanto na vía pública como en parques e xardíns. Tamén poderán rexistrar alcorques nos que as árbores apenas dispoñen de espazo, incluídos os cubertos con cemento ou resinas. Os resultados poderán seguirse na web ao longo do fin de semana.
As organizacións convocantes lembran que as árbores proporcionan sombra e frescor, contribúen a mellorar a calidade do aire, capturan «até un 80 % do po atmosférico», melloran a saúde das persoas e ofrecen refuxio á biodiversidade. Ao seu xuízo, a cantidade e o estado do arboredo son deficientes en moitos barrios. Por iso, expoñen o mapeo como un primeiro paso para identificar problemas concretos e reclamar solucións.
As entidades subliñan que repor as árbores ausentes e coidar os existentes é só o comezo. Reclaman tamén prestar atención á cobertura vexetal, dispor de chan adecuado para o crecemento das raíces, elixir especies apropiadas para cada lugar e evitar podas severas. Por iso, piden ás administracións públicas que apoien as demandas xurdidas do mapeo.
"Vigo participa no Ecomapeo Estatal porque nos últimos anos asistimos a unha enorme perda de masa arbórea, con tallas indiscriminadas, especialmente de árbores de gran porte, podas salvaxes e escaseza de sombra na remodelación de espazos urbanos", explican. Amigas das Árbores, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Vigo Histórico consideran que esta actividade axudará a identificar necesidades concretas e a reclamar ao Concello medidas para ampliar e coidar a cobertura arbórea.
"Ante o aumento das temperaturas, contar con árbores sans e espazos de sombra é unha cuestión cada vez máis importante para a habitabilidade de Vigo", engaden. Por iso, os colectivos propoñen a creación dun Plan de infraestructuras verdes urbanas que convirta Vigo nun verdadeiro Bosque Urbano, repoña as árbores talladas, conserve as árbores de gran porte e amplíe as superficies arboradas.