Educación e a Fundación Andrea asinan o convenio para reforzar a atención ao alumnado con enfermidades

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Fundación Andrea colaborarán para reforzar a atención educativa do alumnado con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais que presenta dificultades para unha asistencia continuada ao centro escolar.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade, Charo Barca, asinaron hoxe o convenio para desenvolver accións de apoio educativo dirixidas a aqueles alumnos escolarizados nos centros sostidos con fondos públicos que, debido á súa enfermidade, non pode manter unha asistencia regular ás aulas. No acto de sinatura tamén participou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
O acordo, que estará vixente ata o remate do curso 2028/29, ten como obxectivo sumar os recursos e a experiencia de ambas as entidades para favorecer unha resposta educativa inclusiva e adaptada ás necesidades deste alumnado, garantindo a continuidade do seu proceso de aprendizaxe e o acompañamento ás súas familias.
As persoas beneficiarias serán, ademais do propio alumnado de todas as etapas educativas, o profesorado e as familias ou representantes legais, que poderán contar con apoio e orientación para afrontar as necesidades derivadas destas situacións.
Un dos eixos centrais da colaboración será a participación do persoal especializado da Fundación Andrea nas aulas hospitalarias de Galicia, sempre baixo a coordinación do profesorado responsable e de acordo coa planificación educativa de cada centro. Neste ámbito, a entidade prestará asesoramento na atención educativa nestes casos, colaborará na proposta de actuacións preventivas e facilitará orientación sobre metodoloxías adaptadas ás necesidades específicas destes estudantes.
Así mesmo, esta cooperación estenderase aos centros educativos nos que este alumnado estea escolarizado, co obxectivo de favorecer unha intervención coordinada entre os profesionais implicados e ofrecer apoio tanto ao profesorado como ás familias.
O convenio contempla tamén a realización de accións de sensibilización e a difusión de materiais e recursos que contribúan a incrementar o coñecemento sobre as circunstancias que afronta o alumnado con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais e sobre as medidas educativas máis axeitadas para garantir a súa inclusión.