Educación reforza a formación do profesorado no eido dixital, das matemáticas e a lectura

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá o Plan anual de formación do profesorado para o vindeiro curso 2026-27, cunha programación que inclúe 6.395 actividades, 134.000 horas de formación e un total de 132.000 prazas ao servizo da mellora da cualificación profesional dos docentes en Galicia que, na práctica, “redundará tamén nunha mellor formación do alumnado”.
Na presentación, na que estivo acompañado polo director xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Jesús Álvarez, e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, Román Rodríguez salientou que esta planificación que arrancará a partir de setembro fai especial fincapé na formación en competencias clave como son as matemáticas e a lingua, así como nas competencias dixitais “que tamén resultan imprescindibles para o actual contexto tecnolóxico”.
O Plan de formación do profesorado está aliñado coa futura Lei de educación dixital de Galicia, cuxo anteproxecto foi aprobado esta semana para o inicio da tramitación parlamentaria. Segundo lembrou o conselleiro, esta nova normativa, pioneira e inédita ata o de agora, busca afianzar o modelo galego de ensino híbrido e, para iso, “é imprescindible tamén reforzar os coñecementos e o desempeño profesional dos profesores tanto nas competencias tradicionais como nas novas esixencias derivadas da innovación e a dixitalización, como é o emprego da intelixencia artificial”.
Así pois, a oferta formativa para o vindeiro curso afonda nas competencias matemáticas e lectoras desde un enfoque práctico e baseado na resolución de problemas próximos á realidade do alumnado, así como nunha lectura comprensiva. Así mesmo, tamén se reforza o itinerario formativo en competencia dixital, tendo en conta o uso da IA enfocado aos distintos colectivos; continúase co proceso de acreditación da competencia dixital docente; refórzase o itinerario STEM, e actualízanse os itinerarios formativos para novos docentes e equipos directivos a través de liñas como a mentorización e a concienciación do papel da IA nas súas funcións e responsabilidades.
O Plan anual de formación do profesorado distribúese en dúas partes: o plan xeral e o de capacitación do profesorado de FP e ensinanzas de réxime especial. O primeiro deles estrutúrase arredor de seis liñas prioritarias para a Consellería, en concreto as de Didáctica, Dixital, Innovación, Convivencia e inclusión, Comunicación e plurilingüismo e Colectivos específicos. Ao seu abeiro establécense 25 itinerarios formativos, que funcionan como unha relación secuenciada e gradual de actividades ligada a esas competencias profesionais docentes que, á súa vez, se estruturan en tres niveis (básico, medio e avanzado). Nelas inclúense tanto a formación en centros, a realizada en liña, os cursos e seminarios e os novos proxectos de investigación e innovación.
No que atinxe ao balance da aplicación do plan o curso que vén de rematar, cómpre destacar que se formou o 89% do profesorado, con 33.592 docentes formados. Cada un deles unha media de 60 horas de formación, arredor de tres actividades. En total desenvolvéronse 5.631 accións formativas, con 124.032 horas, polas que se expediron 82.432 certificacións.
Ademais, hai 37.132 docentes que acreditaron a súa competencia dixital docente (2.930 novos este curso). Do total, case o 84% deles nos niveis intermedios e altos (de B1 a C2).