Elas Eles alerta de que a acumulación de cargas administrativas amenaza ás granxas familiares galegas

Galicia pasou de contar con 24.995 explotacións bovinas en 2024 a 23.532 en 2025, o que supón a desaparición de 1.463, preto dun 6 por cento
granxa-porcina
23 Sep 2026

A Asociación de Gandeiros Elas Eles alerta de que a acumulación de cargas administrativas e ambientais sobre o sector do vacún pode acelerar a desaparición das pequenas e medianas explotacións galegas, nun contexto no que Galicia está a perder granxas a un ritmo moi superior ao da cabana gandeira. A entidade reclama que as novas obrigas regulatorias sexan avaliadas tamén polo seu impacto económico, social e territorial, especialmente sobre as explotacións familiares.

Segundo os datos manexados pola asociación, Galicia pasou de contar con 24.995 explotacións bovinas en 2024 a 23.532 en 2025, o que supón a desaparición de 1.463 granxas, preto dun 6 por cento. Pola contra, o número de animais apenas variou, ao pasar de 946.924 a 939.495. Para Elas Eles, esta evolución evidencia unha progresiva concentración da produción en menos explotacións.

A asociación considera que esta situación debe ser tida en conta nun momento no que a Unión Europea está a debater medidas de simplificación administrativa e redución de cargas na normativa ambiental. O vacún permanece actualmente fóra do ámbito gandeiro da Directiva de Emisións Industriais, mentres que o expediente europeo Omnibus VIII ten entre os seus obxectivos reducir requisitos e carga administrativa. A Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo emitiu a súa opinión o pasado 2 de setembro e o expediente continúa pendente da decisión da comisión competente, ENVI.

En España, pola contra, as explotacións bovinas afrontan distintas capas regulatorias. O Real Decreto de ordenación bovina establece nas 20 UGM unha primeira fronteira relevante e obriga ás explotacións dos grupos II, III e IV a dispoñer dun Sistema Integral de Xestión da Explotación, o SIGE. A estas esixencias súmanse ECOGAN, as obrigas derivadas da normativa de nutrición sostible e o proxecto de actualización do CAPCA, que propón clasificar no grupo B as explotacións bovinas non extensivas de máis de 20 e ata 180 UGM, ou ata 360 UGM no caso dos cebadeiros.

Para Elas Eles, o problema non reside na existencia de normas ambientais, senón na proporcionalidade da carga acumulada. A asociación advirte de que unha mesma obriga administrativa ten un impacto diferente segundo o tamaño da explotación, xa que unha granxa de 300 vacas pode repartir os seus custos entre moitos máis animais e litros de leite que unha de 30 ou 50.

A entidade apunta tamén á desvantaxe de escala que xa soportan as pequenas explotacións no mercado. Segundo os datos oficiais do Observatorio do Sector Lácteo correspondentes a xullo de 2026, o prezo medio nas explotacións galegas de menor volume situábase nos 38,40 céntimos por litro, fronte aos 45,14 céntimos das explotacións de maior produción. Elas Eles precisa que esta diferenza non pode atribuírse exclusivamente ao volume, pero considera que mostra que o tamaño da explotación está asociado a condicións económicas diferentes.

Neste sentido, a asociación advirte de que as novas obrigas poden supoñer unha penalización adicional para as explotacións de menor tamaño, ao ter que asumir custos administrativos que representan unha proporción maior dos seus recursos.

Elas Eles chama tamén a atención sobre a xestión dos xurros e estercos. O gandeiro que os emprega para fertilizar as súas propias terras debe asumir rexistros, cálculos de nutrientes, condicións de aplicación e, cando corresponda, o plan de abonado previsto no Real Decreto de nutrición sostible. Pola contra, o marco de ordenación gandeira permite externalizar a xestión do esterco mediante operadores ou instalacións autorizadas.

A asociación considera que esta situación debería ser analizada para evitar que se penalice o modelo máis vinculado á terra. Ao seu xuízo, externalizar os xurros non elimina o nitróxeno nin o fósforo, senón que traslada a súa xestión fóra da explotación, polo que reclama que se garanta a trazabilidade ata o destino final e a capacidade real do territorio para recibilos.

A desaparición das granxas ten, segundo Elas Eles, unha dimensión que vai máis alá da actividade económica e afecta tamén á xestión do territorio. As explotacións familiares manteñen prados, pastos e terras de cultivo en uso, mentres que a desaparición de parte delas pode aumentar o risco de abandono ou matorralización das parcelas pequenas, afastadas ou menos rendibles.

A entidade relaciona esta cuestión coa política de prevención dos incendios e coa nova lei de loita contra os incendios que mantén en tramitación a Xunta, cuxos obxectivos inclúen a defensa das terras agroforestais e a recuperación da funcionalidade dos sistemas agroforestais. Para Elas Eles, debería existir coherencia entre estas políticas e as medidas que afectan á viabilidade das explotacións que xa manteñen esas terras en produción.

Por este motivo, a asociación reclama ao Goberno de España e á Xunta de Galicia unha avaliación acumulativa da carga regulatoria, tendo en conta o tamaño e o modelo produtivo de cada explotación. Tamén pide simplificar procedementos para as pequenas granxas e evitar duplicidades entre administracións.

Elas Eles defende que a redución de emisións, o control dos nutrientes e a protección do territorio son obxectivos compatibles coa continuidade das explotacións familiares, pero reclama que a regulación non favoreza de maneira involuntaria unha maior concentración da produción nin acelere a desaparición dun modelo que, segundo a asociación, contribúe ao mantemento e á xestión de boa parte do territorio galego.

0.32513093948364