Elena Martín Lores gaña o Premio Exeria de Creación Literaria 2026 de Santiago

A proposta de creación literaria de Elena Martín Lores resultou a gañadora da quinta edición do Premio Exeria, co que a autora poderá desenvolver o seu proxecto de novela durante unha estadía na residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi (Toscana- Italia), e recibirá unha axuda económica de 3.000 euros.
Convocado pola Concellaría de Capital Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863, xestionada pola escritora Yolanda Castaño, o Premio Exeria a proxectos de creación literaria escolleu a proposta de Elena Martín Lores como a gañadora da súa quinta edición.
A decisión foi tomada por un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro, como por Margarita Tojo González, Carlos González Meijide e José Carlos Carracedo Porto, que estiveron asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural.
O xurado valorou que a proposta ‘Nagori’ “aborda con sensibilidade cuestións como o dó, o desarraigo e a pertenza a través dun suxestivo diálogo entre Galicia e Xapón” e que “integra elementos da tradición e da mitoloxía nunha estrutura narrativa coherente e ao servizo dunha voz propia”.
Así mesmo, o fallo destaca a planificación rigorosa e un estado de desenvolvemento avanzado que avalan a viabilidade do proxecto. Salienta o tratamento literario de Santiago de Compostela como escenario dun regreso que remata por resignificar a cidade como eixo simbólico da novela.
A escritora aloxarase na residencia Residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi, no sur da Toscana, para concentrarse no mes de agosto no proxecto literario que presentou.
Elena Martín Lores naceu no Grove en 1989 e é veciña de Santiago de Compostela. É realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada pola USC (2011), máster en documental creativo pola UAB (2013), máster en tradución audiovisual pola UOC (2019) e máster de Xornalismo de Viaxes pola UAB (2024).
Entre os anos 2014 e 2018 viviu e traballou na cidade de Osaka, en Xapón. Á súa volta, o feito de redescubrir a terra propia con ollos alleos foi a semente da que naceu a novela que rematará de escribir na residencia La Baldi.