Enrique Jorge Montenegro recupera a figura de Charfolé nun libro que se presentará no IES Lucus Augusti

O acto terá lugar o mércores 25 de novembro ás 20:00 horas e contará coa participación do xornalista José de Cora e do profesor de Historia Henrique Hervés
Charfole
22 Nov 2026

O Salón de Actos do IES Lucus Augusti de Lugo acollerá o vindeiro mércores 25 de novembro, ás 20:00 horas, a presentación de "El peculiar Charfolé. Recuperando la figura, los hechos y la época de un ser entrañable", o máis recente libro do historiador e arqueólogo Enrique Jorge Montenegro Rúa, publicado por Ondina Ediciones.

Xunto ao autor intervirán no acto o xornalista e escritor José de Cora Paradela e o profesor de Historia Henrique Hervés. A obra recupera a memoria dun personaxe moi coñecido e querido no seu tempo, pero cuxa traxectoria acabou quedando relegada ao esquecemento polas circunstancias históricas.

Charfolé foi xornalista, avogado, catedrático de Latín e político, e participou en numerosos acontecementos relevantes da súa época. Durante a súa etapa como docente no Instituto de Lugo tivo entre os seus alumnos a figuras que posteriormente destacarían nos seus respectivos ámbitos profesionais, como Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole e Ramón Carnicer. O libro aborda tamén os primeiros anos da súa vida, marcados pola influencia do seu pai e pola formación orientada ao sacerdocio.

Na súa carreira xornalística destacou especialmente o seu traballo en El Ideal Gallego, que o destinou a Madrid como correspondente e cronista parlamentario. Dous anos despois regresou á Coruña tras ser nomeado subdirector do xornal. A súa traxectoria profesional e pública levouno a participar en distintos acontecementos da vida galega daquel período.

Os problemas de saúde derivados do clima lucense motivaron o seu traslado ao Instituto de Logroño en 1928 e, posteriormente, a Cádiz. Coa proclamación da II República, incorporouse á actividade política como concelleiro do Concello, pero faleceu inesperadamente en 1932 durante unha breve estancia en Madrid.

O autor, Enrique Jorge Montenegro Rúa (Vigo, 1964), é doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade Autónoma de Madrid, licenciado en Xeografía e Historia pola UNED e máster en Sistemas Informáticos e Redes pola Universidade de Alcalá de Henares. Como arqueólogo e historiador participou en escavacións e proxectos relacionados coa cultura hispanorromana.

Entre 1996 e 2008 colaborou co Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, onde participou na edición do boletín Croa, da publicación electrónica e-Castrexo e en traballos de escavación no xacemento. Tamén investigou o monumento de Santa Eulalia de Bóveda, en Lugo, tema da súa tese doutoral, sobre o que publicou monografías e artigos especializados e participou en congresos e conferencias. Foi precisamente durante a elaboración desa tese cando descubriu a figura de Charfolé, cuxo legado pretende contribuír a recuperar a través deste libro.

0.40187096595764