Entregados en Lugo os Premios María Luz Morales, que recoñecen catro traballos de autoría feminina

O Pazo de San Marcos de Lugo acolleu este xoves a entrega dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual, convocados pola Academia Galega do Audiovisual, nunha décima edición na que os catro galardóns recaeron en traballos de autoría feminina.
O acto contou coa participación da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director de Cultura da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez; a deputada responsable da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro; e as integrantes do xurado Aldara Pagán e Finocha Formoso.
Nesta edición, os traballos premiados abordan cuestións como a representación das mulleres lesbianas no audiovisual galego, o tratamento do corpo feminino na pantalla, as relacións entre ficción audiovisual, traballo e clase ou a presenza do cinema na obra xornalística e editorial de María Luz Morales.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego, o premio foi para "O cinema sobre o papel: interpretación da sétima arte na obra xornalística e editorial de María Luz Morales", de Alba María Moledo Ucha. O xurado destacou a investigación e documentación realizada sobre a traxectoria de Morales e a súa relación co cinema, así como a calidade da escrita e o ton empregado para recuperar a figura desta pioneira da crítica cinematográfica e do xornalismo cultural.
O galardón ao Mellor videoensaio sobre audiovisual galego recaeu en "Un caderno dixital: A lesbiana no audiovisual galego", de Lucía Estévez González. A proposta analiza a representación das mulleres lesbianas en diferentes obras e personaxes do audiovisual galego, identificando cambios, estereotipos e novas formas de representación. O xurado valorou a selección de materiais, a consistencia da análise e unha posta en escena dinámica.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, o premio foi para "Odiar os luns. Unha reflexión sobre ficción audiovisual, traballo e clase", de Uxía Bereixo. O traballo relaciona a análise cinematográfica coa experiencia do espectador e diferentes cuestións da sociedade contemporánea, a través dunha selección diversa de obras e dunha reflexión crítica sobre o traballo e a clase.
Por último, o Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi para "Como despezar o corpo feminino na pantalla", de Sara Calvete Lorenzo. O xurado destacou a personalidade da proposta e o uso dos recursos expresivos do videoensaio para analizar o tratamento e a representación do corpo feminino na pantalla, con especial atención ao ritmo, á construción do relato e á linguaxe audiovisual.
Durante o acto, Lucía Veiga puxo en valor a traxectoria duns premios que cumpren dez edicións e que buscan fomentar a investigación, a reflexión e a creación arredor do audiovisual galego e internacional. A convocatoria, pioneira no Estado neste ámbito, acumula xa 237 traballos presentados, 89 deles centrados no audiovisual galego, e constitúe actualmente a única convocatoria específica de premios de ensaio sobre o audiovisual galego en Galicia.
O xurado desta décima edición estivo integrado pola artista visual e xestora cultural Aldara Pagán, a profesora da Universidade da Coruña e especialista en comunicación Finocha Formoso e a comunicadora e xestora Miriam Rodríguez.
Os premios toman o seu nome de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980), pioneira da crítica cinematográfica en España e unha figura destacada do xornalismo cultural do século XX. Morales comezou a súa actividade en 1924 e chegou a converterse na primeira muller en dirixir un xornal de ámbito nacional, La Vanguardia, durante a Guerra Civil Española.
Os Premios María Luz Morales contan co apoio das áreas de Cultura das deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.