Entregados os premios do concurso de Retos Climáticos a estudantes de Vigo, Coruña e Valdoviño

Ángeles Vázquez salienta o papel dos máis novos na innovación climática grazas ás súas ideas, a súa creatividade a súa forma distinta de ver o mundo
estudantes-retos-climaticos-premios
5 Jun 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o talento da mocidade galega para o deseño de proxectos innovadores e sostibles que contribúan a mitigar os efectos do cambio climático na Comunidade.

Durante a entrega de premios do concurso Retos Climáticos, a conselleira enxalzou o alumnado como “actor clave na axenda climática” e fixo fincapé no compromiso da xuventude co desenvolvemento de ideas a través das que facer concellos “máis frescos, máis verdes e máis habitables” fronte a fenómenos meteorolóxicos adversos como poden ser as vagas de calor.

Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de “converter os retos en oportunidades” e, a través da innovación climática, apostar por “ideas novas, creatividade e unha forma distinta de mirar o mundo” que dean solución aos retos climáticos de cada contorna.

Nesa liña, a conselleira agradeceu tamén o papel do profesorado, que acompañou o traballo do alumnado; o dos técnicos das Escolas verdes e do programa Mocidade polo clima, no que se enmarca esta iniciativa, pola súa orientación; e ás empresas e entidades mentoras, cuxa experiencia foi clave para converter as propostas da rapazada en proxectos viables e innovadores.

De feito, a iniciativa Mocidade polo clima, impulsada pola Xunta, basease na aposta pola colaboración directa entre educación, innovación e políticas públicas. “Cando as aulas, o tecido produtivo e as administracións traballan xuntas obtéñense grandes resultados” sinalou a conselleira, que engadiu que “a transformación dos espazos públicos para adaptalos ao cambio climático é outro exemplo máis da Galicia Calidade”. En concreto, os colexios participantes no concurso Retos climáticos propuxeron iniciativas que, segundo dixo Ángeles Vázquez, “algunha delas probablemente acabe inspirando algún proxecto real no futuro”.

Así, o proxecto gañador foi o elaborado polo alumnado do IES A Guía, de Vigo, para o centro sociocomunitario de Teis, coa incorporación de solucións vexetais, a mellora do illamento térmico e a instalación de sistemas de aproveitamento de auga da chuvia xa que concluíron que é un espazo vulnerable fronte ás vagas de calor para as persoas maiores que o frecuentan. Recibirán como premio unha viaxe ás illas Cíes con actividades guiadas para coñecer mellor o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Os demais participantes recibirán como premio unha visita ao Parque Natural do Monte Aloia como recoñecemento ao seu esforzo.

O alumnado do CPI Atios de Valdoviño propuxo incorporar máis fontes e mellorar as áreas de descanso no parque e o paseo da localidade. No caso de Pontevedra, o colexio Los Sauces sinala a Alameda como exemplo de resiliencia e, en contraposición, indica que a contorna de Montero Ríos e do ambulatorio son áreas de alto risco por calor polo que avogan por mellorar a permeabilidade do solo e incorporar puntos de hidratación.

Na Coruña, os representantes do Liceo La Paz detectaron a necesidade de incrementar as zonas de sombra no parque de Eirís mediante a plantación de árbores, mellorar os espazos de xogo para reducir a acumulación de calor e facilitar o acceso a auga potable. Neste caso, o alumnado mesmo propón establecer recomendacións horarias para evitar a actividade deportiva nas horas de maior risco.

En canto ao IES de Coruxo, en Vigo, analizaron o skate park de Navia onde suxiren, entre outras cuestións, a creación dun refuxio climático mediante unha gran marquesiña híbrida -vexetal e fotovoltaica- e o aumento de zonas de sombra. Finalmente, o CPR Santo Ángel de Ourense estudou o pavillón dos Remedios e concluíu que é necesario reducir a acumulación de calor e aumentar as zonas de sombra. Para iso, propoñen crear pérgolas vexetais ou cubertas bioclimáticas, bosques urbanos, pavimentos drenantes e zonas de auga.

O concurso Retos Climáticos é unha das novidades da edición 2025-2026 do programa Mocidade polo clima, que é unha iniciativa transversal e pioneira que ten o obxectivo de formar, informar e animar a actuar fronte ao cambio climático a mozos galegos de entre 3 e 35 anos. No curso 2024-2025 participaron máis de 23.700 persoas nas diferentes accións desenvolvidas no marco desta iniciativa.

0.37806987762451