Entregados os premios María Josefa Wonenburger ás científicas África González e Yolanda Prezado

A conselleira Fabiola García salienta que ambas investigadoras son un referente e unha inspiración para as novas xeracións de mulleres nos ámbitos da ciencia e da tecnoloxía
entrega-premios-maria-josefa-wonenburger
30 Jul 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presidiu a entrega do Premio María Josefa Wonenburger Planells correspondente ás edicións de 2025 e 2026, que distinguiu ás investigadoras África González e Yolanda Prezado polas súas salientables traxectorias científicas e a súa contribución ao avance do coñecemento. Ao acto tamén asistiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor o papel das dúas investigadoras como referentes para as novas xeracións de mulleres que desexan desenvolver a súa carreira nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, subliñando a importancia de visibilizar o talento feminino en sectores estratéxicos para o desenvolvemento de Galicia.

Fabiola García destacou, ademais, que tanto África González como Yolanda Prezado “forman parte da comunidade científica mundial” e son “mulleres galegas que fan de Galicia unha referencia tamén na ciencia e na investigación”. Neste sentido, subliñou o seu papel como “inspiradoras de futuras vocacións investigadoras” e que a súa traxectoria demostra que “hoxe en día, nin ser muller nin ser galega supón un atranco para desenvolver unha carreira chea de éxitos”.

Así mesmo, lembrou que o premio María Josefa Wonenburger -na honra da investigadora e matemática galega que foi pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias- foi creado polo Goberno autonómico para distinguir as mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía. Con este recoñecemento, a Xunta quere poñer en valor a carreira destas referentes, que destacan pola súa contribución e convertelas en modelo a seguir polas xeracións vindeiras.

Por último, puxo en valor que este galardón é tamén unha mostra dun “feminismo de feitos e realidade, froito da colaboración e da reivindicación, que non é monopolio de ninguén e pertence a todas as mulleres”.

Dúas amplas traxectorias

Na edición de 2025, o galardón recaeu en África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. É licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Alcalá coa especialidade en Inmunoloxía ao tempo que presentaba a súa tese doutoral. Posteriormente, realizou importantes investigacións no Laboratory of Molecular Biology de Cambridge onde participou na técnica de investigación da obtención de anticorpos monoclonais. No ano 1996 instalouse en Vigo na primeira área de inmunoloxía das universidades galegas e pouco despois comezou a dirixir o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) no que liderou as investigacións sobre resposta inmunitaria, inmunolóxica básica e aplicada ao desenvolvemento de vacinas.

A Unidade da Muller e da Ciencia destacou o papel de África González nas investigacións sobre nanomedicina, sendo a cofundadora da empresa Nanoinmunotech que desenvolve tecnoloxías a partir de nanomateriais. Ademais, neste campo desenvolveu un biosensor para identificar células tumorais ou o uso das nanovacinas para tratamentos de cancro.

Pola súa banda, Yolanda Prezado é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus). Previamente, formou parte do Institut Curie, en París, como líder do grupo de radiobioloxía traslacional. Durante os anos 2019 e 2020 presidiu o Comité Científico da Federación Europea de Físicos Médicos e o Congreso Europeo de Física Médica. Desde o seu regreso a Galicia está configurando un polo de referencia en radioterapia avanzada no CiMUS. A Unidade da Muller e da Ciencia destacou o seu papel nas investigacións sobre radioterapia e, especificamente os seus traballos sobre protonterapia, da que é unha referente europea. En xeral, o seu labor céntrase en impulsar tratamentos radiobiolóxicos fronte ó cancro, con terapias menos invasivas.

En 2024, despois de máis dunha década en Francia, a Dra. Prezado retornou a Galicia para incorporarse ao CiMUS-USC como investigadora distinguida do programa Oportunius da GAIN, o que supón a validación operativa do principal instrumento que a Xunta deseñou para captar talento investigador de excelencia internacional. O obxectivo do seu retorno é impulsar a investigación en protonterapia, unha tecnoloxía da que Galicia será referente a nivel estatal coa apertura en 2026 do primeiro centro da rede pública estatal.

0.35095500946045