Entregados os recoñecementos do programa Medrando Xuntas Impulsa para talento feminino

As directoras xerais de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, participaron hoxe na entrega dos recoñecementos Medrando Xuntas Impulsa 2026, distribuídos en tres categorías arredor do impacto social, da innovación e da sostibilidade no marco da iniciativa autonómica concibida para fortalecer o papel das mulleres na economía social galega. De feito, con este acto ponse o broche final ao programa que arrancou o pasado mes de abril con formacións, encontros e accións de visibilización que buscaban poñer no centro o talento e o liderado feminino, dirixidas tanto a mulleres traballadoras como socias e directivas.
En concreto, na categoría de Maior impacto social —para proxectos que contribúen á mellora da calidade de vida, á inclusión social ou ao desenvolvemento comunitario—, recoñeceuse o proxecto Currunchiños de conciliación, da Asociación de familias monomarentais de Galicia (Fagamos). O xurado puxo en valor esta iniciativa polo seu deseño específico para acompañar as familias cunha soa persoa a cargo da crianza, “facilitando recursos de apoio aos coidados e promovendo, ao mesmo tempo, unha reflexión social sobre a corresponsabilidade e a igualdade de oportunidades”.
No apartado de Innovación e creatividade —para proxectos que incorporan novos produtos, servizos ou modelos organizativos—, a distinguida foi a cooperativa Elefantes Rosas, afincada en Bueu pero que dá servizo por toda a provincia de Pontevedra. Neste caso, destacouse o “acompañamento profesional que realiza exclusivamente nos propios espazos de vida das persoas, convertendo o fogar e a contorna comunitaria en lugares de aprendizaxe, autonomía e inclusión”.
Por último, na categoría de Sostibilidade e economía circular —para os proxectos que integran prácticas ambientais responsables e modelos económicos sostibles—, foi distinguida a iniciativa Tecendo redes, da Fundación Érguete Integración. Segundo o xurado, enfócase na “recuperación de redes de pesca en desuso para darlles unha nova vida promovendo, á súa vez, a inclusión sociolaboral de persoas privadas de liberdade, a aprendizaxe de oficios tradicionais e o liderado feminino en sectores historicamente masculinizados como é o sistema penal e o sector pesqueiro”.
O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía.
En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para mulleres socias e traballadoras orientado a reforzar a súa participación activa nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara a postos de liderado na economía social.