Entrepinares investirá na súa fábrica de Vilalba 20 millóns para fabricar Queso Cottage

A súa posta en marcha está prevista para o segundo semestre de 2027 e contempla un período de execución de aproximadamente 18 meses.
planta-entrepinares-vilalba
19 Jun 2026

O Grupo Entrepinares, empresa familiar dedicada á fabricación de queixos e derivados lácteos, anunciou un novo proxecto estratéxico para a fabricación de queixo cottage na súa planta de Vilalba, unha iniciativa que suporá un investimento de 20 millóns de euros e que permitirá á compañía responder ás novas tendencias de consumo. O desenvolvemento desta nova capacidade produtiva responde á alianza que o Grupo Entrepinares mantén con Mercadona, unha relación baseada na innovación constante, a calidade e a capacidade de adaptación ás novas demandas dos consumidores.

O proxecto, cuxa posta en marcha está prevista para o segundo semestre de 2027, contempla un período de execución de aproximadamente 18 meses e dotará á planta galega da capacidade necesaria para producir máis de 7 millóns de quilos de queixo cottage ao ano.

A crecente demanda de produtos frescos, saudables e ricos en proteínas impulsou o auxe do queixo cottage nos últimos anos, converténdoo nunha das categorías con maior potencial de crecemento dentro do sector lácteo. Neste contexto, o Grupo Entrepinares dá un paso estratéxico para entrar no segmento dos queixos frescos, ampliando a súa oferta e adaptándose ás necesidades e preferencias dos consumidores.

A implantación deste novo desenvolvemento levarase a cabo integramente na planta de Vilalba, que se consolida así como un enclave clave dentro do crecemento industrial da compañía. Os equipos do Grupo Entrepinares xa traballan na planificación e desenvolvemento das diferentes fases do proxecto para cumprir cun calendario esixente que requirirá coordinación, capacidade de execución e compromiso por parte de toda a organización. Así mesmo, calcúlase que arredor de 60 persoas traballarán en actividades vinculadas a esta categoría dentro da planta, unha cifra que pon de manifesto a dimensión e relevancia do proxecto. Ao mesmo tempo, esta iniciativa supón seguir impulsando a relación do Grupo Entrepinares co sector primario galego.

Para o Grupo Entrepinares, esta iniciativa representa moito máis ca unha nova liña de produción. En palabras de José Manuel García Bejines, CEO do Grupo Entrepinares, “este proxecto reflicte a nosa vontade de seguir avanzando xunto aos nosos clientes para satisfacer as necesidades dos consumidores. Afrontamos este reto coa ambición de quen quere seguir achegando valor ao sector lácteo nacional, pero tamén coa responsabilidade de construír capacidades industriais que nos permitan ser máis competitivos e estar preparados para o futuro. Escollemos Vilalba porque é onde contamos coa materia prima, a contorna social axeitada e a capacidade industrial necesaria para desenvolver este proxecto con garantías. Polo tanto, ten sentido que este crecemento se produza aquí e que Galicia sexa protagonista deste novo capítulo para o Grupo Entrepinares”.

Con esta aposta, o Grupo Entrepinares reafirma o seu compromiso coa innovación, o desenvolvemento industrial e a creación de valor nos territorios onde opera, fortalecendo ao mesmo tempo a súa posición como unha das compañías lácteas de referencia en España.

Sobre Entrepinares

O Grupo Entrepinares, empresa familiar dedicada á fabricación de queixos e derivados lácteos e que este ano celebra os seus 42 anos de historia, atópase profundamente ligado ao medio rural.

A queixería naceu en Valladolid da man de Antonio Martín Castro, moi vinculado ao sector por tradición familiar, co propósito de achegar valor a cada litro de leite a través da elaboración de queixos de alta calidade.

Na actualidade conta con catro centros de produción en Valladolid, Fuenlabrada (Madrid), Vilalba (Lugo) e Los Yébenes (Toledo); un centro de loxística e envasado na capital valisoletana; e dúas plantas de tratamento de soro en Castrogonzalo (Zamora) e Vilalba (Lugo).

0.3618061542511