Pontevedra prepara un Entroido 2026 cheo de humor, tradición e festa nas rúas

A cidade de Pontevedra volverá vivir con intensidade o Entroido 2026 cun programa amplo e variado que encherá as rúas de disfraces, música, sátira e ambiente festivo ao longo de varias xornadas. Comparsas, murgas, actividades infantís, desfiles, festas temáticas e actos tradicionais consolidan un ano máis o Entroido pontevedrés como unha das citas máis singulares do calendario festivo galego.
A Praza da Ferraría, a Praza da Peregrina, a Praza da Verdura e o casco histórico converteranse nos principais escenarios dunha celebración que mantén intactas as súas señas de identidade, co loro Ravachol como gran símbolo e fío condutor do programa.
Os festexos arrancarán o venres 13 de febreiro ás 21.00 horas na Praza da Ferraría coa recepción oficial do alcalde a Urco, rei do Entroido, acompañado polas comparsas Os Retrincos, Os Miúdos, Amigos dos Rapaces e Flores do Carnaval, nun acto que contará co pregón do grupo Os das Pistas. Media hora máis tarde, ás 21.30 horas, as comparsas percorrerán en pasarrúas o centro histórico.
O sábado 14 de febreiro estará marcado polo gran desfile do Entroido, cunha concentración previa ás 16.00 horas na rúa José Malvar e a saída ás 17.00 horas para percorrer José Malvar, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, Praza de España e Alameda. A xornada rematará ás 20.00 horas na Praza da Ferraría coa festa do Entroido e a entrega de premios do concurso de disfraces.
O luns 16 de febreiro abrirase cun obradoiro infantil de maquillaxe ás 17.00 horas na Praza de Curros Enríquez, mentres que ás 19.30 horas na Praza da Peregrina terá lugar a presentación do loro Ravachol e a recreación da botica de don Perfecto Feijoo. A xornada pecharase ás 21.00 horas no Pazo da Cultura coa primeira eliminatoria do XXXIV Concurso de Murgas.
O martes 17 de febreiro estará dedicado á Noite Pirata, cun pasarrúas dos Corsarios do Lérez ás 12.30 horas, unha festa pirata infantil ás 17.00 horas na Praza da Ferraría e pasarrúas pirata ás 18.00 horas. A partir das 20.00 horas dará comezo a Noite Pirata, que incluirá ás 21.00 horas na Praza de España o desembarco e a batalla pirata do Burla Negra, seguido ás 21.30 horas dun baile pirata co concerto de King África e, ás 23.00 horas, un gran pasarrúas pirata de comparsas polo centro histórico.
O mércores 18 de febreiro ofrecerá novas actividades infantís, cun obradoiro de máscaras de Ravachol ás 17.00 horas na Praza da Peregrina, e a recuperación do Entroido tradicional coa Corrida da Rosca ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Campañó. Ás 19.00 horas volverá a recreación da botica de don Perfecto Feijoo e ás 21.00 horas celebrarase no Pazo da Cultura a segunda eliminatoria do XXXIV Concurso de Murgas.
A competición de murgas culminará o xoves 19 de febreiro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura coa gran final do XXXIV Concurso de Murgas. O venres 20 de febreiro continuará a programación cun obradoiro infantil de creación de cornetas ás 17.00 horas na rúa da Serra e coa XXIX Mostra da Parodia do Entroido ás 21.30 horas, cuxos premios se entregarán ás 00.00 horas na Praza da Ferraría.
O Entroido 2026 despedirase o sábado 21 de febreiro cunha xornada marcada pola tradición e a emotividade. Ás 12.00 horas terá lugar unha nova recreación da botica de don Perfecto Feijoo na Praza da Peregrina, seguida ás 12.30 horas dunha sesión vermú con murgas na Praza da Verdura. Ás 18.00 horas comezará o velorio do loro Ravachol, que continuará ás 19.30 horas cun pasarrúas no que A Santa Compaña levará a Ravachol e ás 21.00 horas cun cortejo fúnebre polo casco histórico. A Praza da Ferraría acollerá o velorio final, a incineración do loro Ravachol e un espectáculo necrolóxico, antes do pasarrúas final de comparsas ás 22.00 horas para despedir o Entroido.
O programa complétase coas XIV Xornadas sobre o Entroido de Galiza e con diversas propostas gastronómicas propias destas datas en distintos establecementos da cidade.