Enxeñeiros de Camiños avogan por analizar novos encoros para garantir o abastecemento en Galicia

O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia considera necesario abordar con «rigor profesional e sentido común» o futuro da xestión da auga na comunidade ante o cambio dos patróns climáticos e o aumento dos episodios de escaseza. A entidade sinala que Galicia se achega cada vez máis a situacións de posible desabastecemento e defende analizar se, nun futuro próximo, será necesario construír novos encoros para garantir os recursos hídricos.
Segundo explica o Colexio, a situación máis preocupante dáse en Galicia-Costa e, especialmente, na área metropolitana de Vigo-Pontevedra, onde se está producindo unha redución temporal dos recursos dispoñibles. Esta circunstancia provoca que os episodios de escaseza sexan cada vez máis frecuentes e graves co actual escenario de infraestruturas hidráulicas de abastecemento.
A entidade lembra que unha parte importante da poboación galega dispón de auga potable grazas aos encoros. O de Cecebre abastece os fogares da Coruña, As Forcadas os de Ferrol, O Con os da contorna de Arousa e Eiras os de Vigo. En Lugo, a captación realízase directamente do río Miño, mentres que en Ourense o abastecemento tamén procede deste río, co apoio estratéxico do encoro de Cachamuíña. «Sen estas infraestruturas de acumulación, o subministro diario que fai falta nos fogares galegos non estaría garantido», sinala o Colexio.
No caso da área metropolitana de Vigo-Pontevedra, nos últimos anos adoptáronse distintas medidas para reducir o impacto da escaseza. Entre elas figuran a redución das fugas nas redes de distribución e a mellora dos tratamentos na ETAP de O Casal, en Vigo, co obxectivo de poder aproveitar para abastecemento a totalidade da auga almacenada no encoro de Eiras, incluída a das capas máis profundas e de menor calidade.
Porén, o Colexio considera probable que estas actuacións non sexan suficientes a medio prazo e afirma que a contorna da área metropolitana necesita «de forma obxectiva» contar con maior capacidade para almacenar auga e garantir o consumo da poboación.
A situación de Pontevedra presenta tamén unha particularidade, xa que a cidade capta directamente do río auga para o seu abastecemento, sen contar cun encoro. A entidade lembra que, malia existir proxectos históricos e propostas incluídas na planificación estratéxica de abastecemento, o río Lérez non dispón actualmente de ningún elemento de regulación ou acumulación.
Segundo os enxeñeiros, contar con certa capacidade de almacenamento no Lérez podería ter tamén efectos ambientais positivos, ao permitir aumentar a garantía de manter os caudais ecolóxicos do río mesmo durante períodos de seca severa, algo que, segundo indican, actualmente non se está conseguindo.
En Vigo, o Colexio apunta que o encoro de Eiras, apoiado polas pequenas presas de Zamáns e Baíña, está a mostrar «síntomas evidentes» de estar infradimensionado para atender as necesidades da área metropolitana. Os seus índices de escaseza en situación de alerta son, segundo a entidade, cada ano máis frecuentes e graves.
Ante esta situación, considera urxente revisar os estudos realizados anteriormente e analizar as novas circunstancias para avaliar a construción de novas presas como unha posible solución. Estes estudos, segundo defende o Colexio, deberían determinar os emprazamentos máis axeitados e as características técnicas dos futuros encoros desde unha perspectiva profesional e en función das necesidades actuais e futuras.
A entidade enmarca este debate nun contexto de cambio climático no que se están producindo períodos sen choiva cada vez máis prolongados e caudais dos ríos excesivamente baixos. Isto fai que en determinados momentos do ano as demandas de auga superen os recursos dispoñibles.
Cando este déficit reduce progresivamente o volume almacenado nos encoros e existe risco de esgotamento das reservas, entra en xogo o concepto de escaseza estrutural, que o Colexio define como unha medida da vulnerabilidade do sistema e que é característica dos territorios con pouca capacidade de almacenamento.
Para a entidade, especialmente na fachada atlántica galega, asumir esta vulnerabilidade debe servir para abordar a planificación hídrica a longo prazo. A seguridade hídrica do futuro, sinala, non dependerá unicamente da cantidade de chuvia, senón tamén da capacidade técnica e da previsión social para conservar e almacenar de maneira eficiente os recursos hídricos.