Eólica Así Non denuncia a falta de amparo do Poder Xudicial ante o traslado masivo de preitos eólicos no TSXG

A coordinadora critica o silencio do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e alerta de que os cambios de sección poden vulnerar os dereitos das entidades que recorreron os proxectos
concentración-Eólica-Así-Non-Sarria
16 Oct 2026

A coordinadora Eólica Así Non denuncia a falta de amparo do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o silencio da presidencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ante o traslado masivo de preitos relacionados con proxectos eólicos e liñas de evacuación a outra sección xudicial. A organización considera que a decisión da presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, Azucena Recio, é arbitraria e inxustificada, e alerta de que pode vulnerar o dereito ao xuíz predeterminado por lei.

Segundo explica a coordinadora, varias das entidades e colectivos que a integran acudiron en abril ao CXPX para solicitar medidas de protección ante o que consideran un funcionamento irregular do tribunal. Entendían que os traslados de maxistrados e procedementos entre seccións podían incumprir o dereito ao xuíz predeterminado por lei e as normas vixentes de reparto de competencias.

Porén, o CXPX respondeu que non ten competencia para intervir en reclamacións baseadas en discrepancias coas decisións adoptadas polos órganos de goberno no exercicio das súas funcións, e recomendou aos colectivos que acudisen aos servizos de orientación xurídica ou a equipos xurídicos privados para defender os seus dereitos e intereses lexítimos.

Eólica Así Non critica que o máximo órgano de goberno dos xuíces se desentenda das súas responsabilidades e traslade o asunto a outras instancias xudiciais. A coordinadora lembra que foi a propia presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG quen indicou ás entidades afectadas que presentasen recurso ante o CXPX, ao abeiro do artigo 59 do acordo do pleno deste organismo do 26 de xullo de 2000.

A mesma queixa foi presentada ante o presidente do TSXG, Ignacio Picatoste Sueiras, que, segundo a coordinadora, aínda non deu resposta.

A organización denuncia que, tras apartar da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo os maxistrados Luis Villares e Dolores López, a nova presidenta ordenou trasladar en bloque centos de preitos e recursos relacionados con proxectos eólicos á Sección Segunda, competente en materia ambiental.

Para Eólica Así Non, esta decisión modifica o tribunal que debe resolver sobre a legalidade dos proxectos sen que previamente se alterasen as normas de reparto de competencias entre seccións, aprobadas en 2023 e ratificadas ese mesmo ano polo CXPX. A coordinadora cualifica a situación de inédita e alerta de que xera inseguridade xurídica nun momento no que a maioría dos recursos contra parques eólicos se atopan na fase final, á espera de resolución xudicial.

A entidade considera que a redistribución pode vulnerar os dereitos das organizacións que recorreron as autorizacións eólicas, ao afectar á tutela xudicial efectiva e ao dereito ao xuíz predeterminado por lei. Ademais, advirte de que as entidades afectadas se ven obrigadas a presentar novos recursos contencioso-administrativos contra os cambios de sección, coas consecuencias económicas e sociais que isto implica. Na súa opinión, esta situación podería desanimar algúns colectivos a continuar coa vía xudicial.

A coordinadora tamén vincula o conflito coa recente concesión dunha nova autorización a proxectos eólicos que estaban cautelarmente paralizados, como o parque eólico Paxareiras II. Segundo denuncia, esta práctica é posible tras unha modificación da Lei eólica promovida polo Partido Popular.

Reclaman unha resposta da presidencia do TSXG

Eólica Así Non lembra que as plataformas veciñais afectadas pola implantación eólica e as organizacións sociais que recorren as autorizacións son entidades sen ánimo de lucro que defenden intereses colectivos e públicos. Fronte a elas, sostén, sitúanse unha Administración e un sector empresarial cuxas actuacións considera orientadas a favorecer os intereses privados.

A coordinadora insta a presidencia do TSXG a responder á denuncia polo traslado dos preitos eólicos, que considera inxustificado e contrario ás normas de reparto vixentes. Advirte de que os cambios poden beneficiar unha das partes do conflito en detrimento da outra e poñer en cuestión a credibilidade, a obxectividade e a independencia do tribunal.

A organización sinala tamén que tanto a Xunta como a patronal eólica manifestaron publicamente a súa satisfacción cos cambios internos no TSXG e apuntaron que poderían contribuír a desbloquear a paralización de proxectos eólicos nos tribunais. Segundo Eólica Así Non, a Xunta xa solicitara anteriormente que a Sección Terceira deixase de ocuparse destes asuntos en favor da Sección Segunda, pero daquela a petición fora rexeitada por ser contraria ás normas de reparto vixentes.

A coordinadora asegura que non se renderá ante o que considera un intento da Xunta de debilitar o movemento social contrario á implantación eólica, tanto no ámbito administrativo como no xudicial, e chama a sociedade galega a mobilizarse fronte a esta nova situación.

0.28443002700806