Espectáculo clown este venres en Roupar

O campo da festa de Roupar de Abaixo acollerá unha nova actuación dedicada ao público infantil. Trátase do grupo The Blues Grampas.
the blues grampas roupar portada
29 Jul 2021

O campo da festa de Roupar de Abaixo acollerá unha nova actuación dedicada ao público infantil. Trátase do grupo The Blues Grampas, que porá en escena Route 66, un espectáculo clown musical para todos os públicos. Será este venres, 30 de xullo, ás 19.00, con aforo limitado e dentro do ciclo Cultura no Camiño.

Dous grandes músicos de Blues de prestixio mundial chegados de Cansasiti saen a escena coa intención de interpretar o seu clásico repertorio. Pero nada máis comezar desátase o caos: os micros non funcionan... os cables enléanse... as partituras caen en cascada... Un desastre!

Mil e unha situacións complicadas e cheas de comicidade levarán a estes dous elementos a poder interpretar finalmente o seu peculiar concerto. Un espectáculo de clown musical, para pequenos e maiores, que busca a risa constante e a interactuación co público, con grandes doses de improvisación e xogo escénico, que ven amosarnos que o éxito está no fracaso, asumido con alegría e ganas de
mellorar.

The Blues Grampas é unha compañía de teatro en clave de clown musical composta por dous recoñecidos actores de longa traxectoria e experiencia no panorama escénico galego: Juanillo Esteban (voz do Xabarín no programa Xabarín Club da TVG, actor en espectáculos como o musical Galicia Canibal, e colaborador habitual da compañía de teatro infantil Trinke-Trinke) e Carlos Sante (a famosa vella Carmiña en Carmen, Gelines e D. José, do trío San&saN no programa Luar durante cinco temporadas, e actor en series como O Faro, Padre Casares, Matalobos, Serramoura, Fariña...).

Ambos conflúen dende 2004 na Asociación Manicómicos da Coruña, levando a cabo cantidade de proxectos artísticos en común, como galas, animacións de rúa, dirección de eventos, presentacións, espectáculos de variedades, e un longo etcétera. No 2015 crean o dúo cómico musical The Blues Grampas, co obxectivo de divertir a tódolos públicos cos seus excéntricos personaxes clownescos. Route 66 é o seu primeiro espectáculo, estreado no Teatro Rosalía da Coruña o 3 de xaneiro de 2016, dentro da gala XII aniversario de Manicómicos.

the blues grampas roupar
0.11281991004944