Espectáculo de monicreques este sábado na Casa Museo de Manuel María

Novos Lobos é o espectáculo que Fantoches Baj levará este sábado, 26 de marzo, á Casa-Museo Manuel María con Inacio Vilariño.
novos lobos espectaculo inacio vilarino
22 Mar 2022

A Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, acolle este sábado, 26 de marzo, ás 17 horas, o espectáculo de Fantoches Baj, Novos Lobos. Dirixido para público familiar e crianzas, a partir de cinco anos, nel mestúrase a narración oral coa manipulación dos títeres.

Espectáculo baseado en contos da literatura popular adaptados e interpretados desde outras olladas. O espazo en que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña onde un pastor está a coidar das súas ovellas (o público) (https://www.youtube.com/watch?v=mhvZc6bYn2w&t=104s).

Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo Tío Miseria (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo O Asombro (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en As Pombas de Carboeiro. Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Entre os máis recentes Os Golfiños e o xigante, traballo polo que obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, Os romeiros do caracol, Auga que non vas beber...

É necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621 (billete: 2 euros).

Fixe Trío en concerto o sábado 2 de abril

A Casa-Museo Manuel María tamén acollerá o sábado, 2 de abril, o concerto de Fixe Trío, un novo proxecto musical que propón unha viaxe atlántica a través dun universo de composicións orixinais e temas populares arranxados e interpretados por este trío que consegue ter un son propio.

Os integrantes deste grupo vigués son Xela Conde (voz, percusión, violín e frauta), Blanca Marigómez (chelo e voz) e Joel Fontán (guitarra e voz).

0.11546087265015