Evalúan o estado do transporte metropolitano na área de Santiago

Na xuntanza participaron a directora xeral de Mobilidade e a delegada da Xunta na Coruña xunto con representantes dos 18 concellos
reunion-area-metropolitana-santiago
9 Nov 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuníronse hoxe cos concellos da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Santiago de Compostela no marco da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. O encontro permitiu avaliar o funcionamento do sistema e revisar as actuacións desenvolvidas pola Xunta de cara a mellorar o transporte público desta área.

Así, a directora xeral explicou os cambios previstos coa activación o vindeiro sábado 14 de novembro da nova concesión de autobús na comarca do Barbanza, que incorpora novos servizos directos con Santiago de Compostela e outras medidas para facilitar a mobilidade nos municipios da bisbarra. A información dos servizos está dispoñible nas webs bus.gal e mobt.xunta.gal.

Entre as novidades destacou que os servizos entre a comarca e a capital galega pasan a realizarse principalmente en liñas por autoestrada, con paradas nos hospitais de Santiago, e en San Caetano e San Lázaro en horarios adecuados á mobilidade laboral. Ademais, os venres e domingos da tempada lectiva funcionarán novos servizos sen paradas entre Santiago e Ribeira cunha duración dunha hora. Por outra banda, a conexión por estrada entre a comarca do Barbanza e Santiago incorpora paradas nos hospitais de Compostela, facilitando unha conexión directa cos centros sanitarios á cidadanía de Dodro, Padrón, Teo e Ames.

A reunión de hoxe responde ao compromiso do Goberno galego de celebrar comisións de seguimento en todas as áreas de transporte metropolitano. Continúa así a rolda de encontros que comezou o 30 de outubro en Lugo e que se completará antes de que acabe o ano cos das áreas de transporte metropolitano da Coruña, de Ferrol e de Vigo.

Con antelación a esta xuntanza, os concellos xa recibiran un informe coa actual oferta de servizos en cada un dos municipios, co obxectivo de facilitar a análise do estado actual do transporte na área de Santiago. O encontro serviu tamén para abordar a posibilidade de cambios e modificacións que aliñen a oferta coas necesidades cambiantes da cidadanía.

A ATM de Santiago de Compostela está formada polos concellos do Pino, Touro, A Baña, Negreira, Oroso, Trazo, Ordes, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Ames, Brión, Boqueixón, Teo, Vedra, Rois, Padrón, Vila de Cruces e A Estrada. Nesta área operan 437 liñas que dan servizo a máis de 1.900 paradas, con máis de 360.000 servizos anuais e 13,8 millóns de quilómetros percorridos.

0.24314498901367