Expertos internacionais estudan en Galicia o modelo de apoio á xuventude con problemas de saúde mental

O goberno da rexión de Pomerania (Polonia) está na procura de solucións que permitan ofrecer á xuventude con problemas de saúde mental espazos accesibles con apoios multidisciplinares adaptados ás súas necesidades. Neste senso, están a realizar visitas de estudo para coñecer prácticas exitosas levadas a cabo noutras rexións con experiencia.
A visita que se realizará este martes, 29 de setembro, a Saúde Mental FEAFES Galicia está coordinada pola Plataforma de Aprendizaxe e Políticas de Interreg Europa, garantindo a continuidade na metodoloxía con respecto a anteriores encontros e favorecendo unha transferencia de coñecemento orientada a resultados. Así, brindarase á Rexión de Pomerania e aos seus principais actores a oportunidade de coñecer de primeira man o modelo galego de apoio á xuventude con problemas de saúde mental, fomentando a aprendizaxe mutua e explorando futuras oportunidades de colaboración.
Ao encontro asistirán persoal do Voivodato de Pomerania, persoas expertas de Interreg Europa, un equipo internacional de expertas de diversas procedencias (España, Eslovenia e Lituania) e persoal técnico e directivo de Saúde Mental FEAFES Galicia, que será a entidade anfitrioa. Por parte da Xunta de Galicia participarán Dna. Zeltia Lado, Directora Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego e Dna. Almudena Díaz, Subdirectora Xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.