Expertos reclaman máis peixe, máis transparencia e maior control nos comedores escolares

Unha xornada organizada por UCGAL conclúe que o novo Real Decreto supón un avance, aínda que precisa unha aplicación máis flexible e adaptada á realidade dos centros educativos
xornada-sobre-comedores-escolares-santiago
11 Jul 2026

Incrementar a presenza de peixe nos menús escolares, reforzar a educación alimentaria, mellorar a información que reciben as familias e impulsar o consumo de produtos galegos de calidade foron algunhas das principais conclusións da xornada “O futuro dos comedores escolares: alimentación, saúde e sustentabilidade”, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración coa Consellería do Mar na Cidade da Cultura.

O encontro reuniu representantes das administracións públicas, da comunidade científica, do ámbito sanitario e educativo, das organizacións de consumidores, das familias e do sector agroalimentario para analizar os retos que presenta a aplicación do Real Decreto 315/2025, que redefine o modelo de alimentación nos centros educativos.

A xornada foi inaugurada pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e polo secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, quen destacaron o papel dos comedores escolares como ferramenta de saúde pública, educación alimentaria e apoio á produción galega. Villaverde cualificou o novo Real Decreto como un paso adiante, aínda que considerou insuficiente a frecuencia mínima de consumo de peixe prevista na norma, defendendo unha maior presenza dos produtos do mar polos seus beneficios nutricionais. Ademais, puxo en valor iniciativas impulsadas pola Xunta como Mexillón de Galicia nas Aulas, Xeración Peixe e Movemento Azul.

Durante as distintas mesas de debate, os participantes coincidiron en valorar positivamente o novo marco normativo, aínda que advertiron da necesidade de garantir unha aplicación homoxénea en todo o territorio e de compatibilizar a mellora da calidade dos menús cun custo asumible para as familias. Tamén defenderon un maior protagonismo dos profesionais da nutrición humana e dietética no deseño e seguimento da alimentación escolar.

Outro dos consensos alcanzados foi a conveniencia de aumentar a presenza de peixe nos comedores escolares, ao considerar que as frecuencias establecidas polo Real Decreto quedan por debaixo das recomendacións científicas actuais.

A investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Paula Roade, o director da Cátedra de Gastronomía Mediterránea da Universidade de Córdoba, Rafael Moreno, e o médico de familia José Manuel Fernández García destacaron a importancia da alimentación durante a infancia para a saúde futura e insistiron na necesidade de reforzar a educación nutricional desde as primeiras etapas da vida, implicando tamén ás familias neste proceso.

A análise dos modelos de xestión dos comedores escolares permitiu compartir experiencias tanto do ámbito público como do privado. A responsable de Ausolan, Sandra Sánchez, e o alcalde de Ames, Blas García, coincidiron en que o principal desafío consiste en manter elevados estándares de calidade, sustentabilidade e seguridade alimentaria sen incrementar os custos para as familias, ao tempo que se dá resposta ao aumento das alerxias e intolerancias alimentarias entre o alumnado.

Pola súa banda, o presidente da Confederación Galega de ANPAS (CONFAPA), Rogelio Carballo, e a secretaria de ConsumES, Ana Alzaga, reclamaron unha maior transparencia sobre os menús, a procedencia dos alimentos, a súa trazabilidade e os mecanismos de control establecidos na nova normativa. Ambos defenderon reforzar o papel das familias e das organizacións de consumidores na supervisión dos servizos de comedor.

A aplicación práctica do novo marco regulador foi outro dos asuntos abordados durante a xornada. Rafael Urrialde, membro da Real Academia Europea de Doutores; Gustavo Quindimil, xerente da Axencia Galega de Servizos Sociais; e Gloria Bernárdez, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia, apostaron por unha aplicación flexible da normativa, baseada na evidencia científica e orientada a garantir menús seguros, inclusivos e adaptados ás necesidades alimentarias de todo o alumnado.

Na última mesa de traballo analizouse o papel da compra pública como ferramenta para impulsar os produtos galegos de proximidade e con calidade diferenciada nos comedores escolares. O director xeral de Pesca, Isaac Rosón; o director da AGACAL, Martín Alemparte; o xerente da DOP Mexillón de Galicia, Joaquín Garrido; e representantes da IXP Ternera Gallega e do CRAEGA coincidiron en destacar as oportunidades que ofrece un modelo baseado no quilómetro cero para favorecer unha alimentación máis sostible e transparente, ao tempo que se apoia ao sector produtor galego.

As conclusións desta xornada darán continuidade ao traballo iniciado o pasado ano co primeiro Foro sobre Comedores Escolares organizado por UCGAL. A entidade elaborará agora un documento de propostas que trasladará ás administracións competentes co obxectivo de contribuír á mellora dos comedores escolares en Galicia e consolidar a alimentación escolar como un eixo estratéxico das políticas de consumo, saúde pública e educación.

0.2770369052887