Expocidades celébrase en Amarante entre o 8 e o 10 de maio

Amarante acollerá a IX edición de EXPOCIDADES os días 8, 9 e 10 de maio de 2026, consolidando este encontro como unha das principais citas de turismo de proximidade entre Galicia e o norte de Portugal.
A inauguración terá lugar o venres 8 de maio ás 16.00 horas (hora portuguesa) no Parque Multifuncional do Rossio, dando inicio a tres xornadas dedicadas á promoción dos municipios do Eixo Atlántico e á posta en valor do seu potencial turístico, cultural e económico.
A edición de 2026 reunirá a 29 entidades, entre elas o Eixo Atlántico, sumando dous municipios máis respecto á edición de 2025 celebrada en Sarria, o que reforza o seu crecemento e a súa representatividade no ámbito eurorrexional.
Ao longo dos tres días de Expocidades, o público poderá desfrutar dunha programación dinámica que combina gastronomía, artesanía, talleres, actividades infantís, música, teatro e demostracións en vivo. As distintas casetas dos municipios e entidades participantes ofrecerán degustacións de produtos e exhibicións de tradicións locais. O municipio anfitrión, Amarante, contará ademais con actuacións musicais de Suspensive Mood, Trobadores dá ViolAMArantina e Fole e Festa, entre outros. A xornada de clausura incluirá tamén o sorteo dun cruceiro polo río Douro.
Estratexia de turismo responsable: turismo de autor e turismo policéntrico
Expocidades, feira de turismo de proximidade, enmárcase na estratexia de turismo impulsada polo Eixo Atlántico, orientada a reforzar un dos sectores máis importantes do territorio desde unha perspectiva responsable, sostible e de excelencia, garantindo ao mesmo tempo que o seu desenvolvemento non xere desequilibrios nin tensións nas cidades nin entre os habitantes.
Neste marco desenvólvense os conceptos de “turismo de autor” e “turismo policéntrico”, que buscan poñer en valor os recursos locais, diversificar a oferta e desconxestionar os destinos máis saturados, potenciando ao mesmo tempo microdestinos con alto valor patrimonial, cultural e ambiental.
O obxectivo é avanzar cara a un turismo máis equilibrado, sostible e cohesionador, aliñado cos retos sociais e ambientais actuais, consolidando un modelo de desenvolvemento que beneficie tanto aos visitantes como ás comunidades locais.
Horario das casetas
- Venres 8 de maio: de 16.00 a 22.00 horas
- Sábado 9 de maio: de 15.00 a 22.00 horas
- Domingo 10 de maio: de 10.30 a 13.00 horas e de 15.00 a 20.00 horas