Expomar promove unhas xornadas de nutrición e saúde mental

Expomar xunto con Saúde Mental A Mariña, Fundación Eu Son e o Concello de Burela traballan nunhas xornadas de nutrición e saúde mental.
1 burela mens sana xornadas nutricion
8 Apr 2022

A Fundación Expomar organiza as Xornadas de Nutrición & Saúde Mental Mens Sana in Corpore Sano, ás que asistirá a conselleira do Mar Rosa Quintana e que xirarán sobre a importancia do consumo de peixe e dunha boa alimentación para o coidado da saúde mental: “O peixe protexe a nosa saúde mental”

A Fundación Expomar organiza entre o 28 de abril e o 12 de maio as xornadas de nutrición e saúde mental "Mens Sana in Corpore Sano", que consistirán en diferentes actividades, como unha charla informativa sobre nutrición, unha mesa redonda sobre a saúde mental na Mariña Lucense e diversas degustacións de peixe nos locais da Fundación Eu Son en Burela e na residencia da Asociación de Saúde Mental A Mariña en Cervo.

O xoves 28 de abril pola tarde terá lugar na Casa da Cultura de Burela a conferencia “Como alimentar o noso cerebro para mantelo xove” a cargo do neurólogo Miquel Aguilar Barberá.

A partir das 18:30 horas terá lugar o inicio da xornada, coa participación da conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, e do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano.

O acceso será libre e desde a Fundación Expomar anímase a tódolos veciños da Mariña que asistan a unhas xornadas nas que se tratarán temas moi importantes para axudarnos a levar unha vida saudable.

A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre “A Saúde Mental na Mariña”, que estará moderada polo nefrólogo do Hospital da Mariña Secundino Cigarrán, e na que participarán representantes das principais asociacións da contorna, como a Asociación Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas de Burela.

O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, destaca que "con esta actividade pretendemos promocionar o sector pesqueiro a través do consumo de peixe, e de paso fomentar unha alimentación máis saudable e poñer en valor o traballo das distintas asociacións que traballan no mundo da saúde mental aquí na Mariña".

0.10457110404968