Fabiola García reclama ao Goberno central os fondos para a atención aos menores migrantes non acompañados

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou esta mañá que o Goberno central vén de recortarlle a Galicia os fondos para a atención a menores migrantes non acompañados nun 82% con respecto ao ano anterior. Así o puxo de manifesto durante a Conferencia sectorial de Infancia e Adolescencia, na que se acordou o reparto de fondos entre as diferentes comunidades.
Fabiola García, que estivo acompañada polo director de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, explicou que Galicia recibirá neste 2026 un total de 740.000 euros, unha cantidade que cualificou de “totalmente insuficiente para afrontar esta materia”. Neste sentido, detallou que esta cifra “non supón nin o 5% do que lle custa atender a Galicia a todos os menores migrantes non acompañados”, mozos que en moitos casos permanecerán durante anos dentro do sistema de protección.
Na súa intervención, a conselleira de Política Social e Igualdade tamén fixo fincapé en que se trata dunha cantidade a repartir entre as comunidades “que leva anos conxelada pola falta de Presupostos Xerais do Estado”. Ante esta situación, Fabiola García lembrou que Galicia “sigue esixindo máis financiamento e que sexa acorde para poder afrontar a acollida e a súa permanencia no sistema de protección de menores”.
Por último, insistiu en esixirlle ao Goberno central “planificación e diálogo”, xa que, segundo explicou, “seguen chegando a Galicia traslados e seguimos sen ter unha planificación, sen saber exactamente cantos máis chegarán nin en que prazos”.