Fabiola García supervisa en Poio o impacto do acordo coa Fegamp para a mellora do SAF

Destaca que o primeiro plan galego contra a violencia laboral neste servizo de xestión municipal, que foi asinado onte polo Goberno galego, prioriza a seguridade e a resposta coordinada
reunion-fabiola-saf
15 Jul 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Poio, Ángel Moldes, para avaliar de primeira man o impacto que ten o acordo asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é de competencia municipal. Na visita, puxo en valor o compromiso do Goberno galego con este servizo de atención á dependencia, que se viu reflectido coa sinatura na xornada de onte do protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa.

Fabiola García explicou que no caso do concello de Poio o incremento do financiamento da Xunta durante os tres anos de vixencia do acordo ascenderá a preto de 600.000 euros, recibindo un total de 2M€. Isto representa, engadiu, un importante aforro para o concello, “que poderá aproveitar para seguir mellorando os seus servizos sociais”. Neste sentido, lembro que a Xunta achegará ata 2028 aos concellos un total de 500M€ (150M€ máis dos inicialmente previstos). Así, todos os municipios se adheriron a este incremento recibirán 16 euros por hora neste 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros no ano 2028. Este incremento gradual supón unha suba do 50% da achega da Xunta.

A conselleira de Política Social e Igualdade destacou, ademais, que nos últimos meses a Xunta estivo colaborando activamente na elaboración do primeiro protocolo para a prevención de violencia laboral no SAF, un documento que foi asinado onte por todas as partes. No caso da Xunta, a colaboración no deseño deste documento foi canalizada a través do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia) e do Servizo de Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade. Este equipo de profesionais e técnicos traballou “man con man” coa Fegamp, organizacións sindicais e empresariais e co Colexio Oficial de Traballo Social.

Na súa intervención, a conselleira fixo fincapé en que “deste traballo conxunto e colaboración” xurdiu un protocolo que establece un sistema integral para previr, detectar, xestionar e facer seguimento de calquera episodio de violencia contra o persoal do SAF. Un documento estratéxico “no que se prioriza a protección das traballadoras, ofrecendo unha resposta rápida e coordinada entre todas as administracións e entidades implicadas”, segundo explicou.

Os principais eixos deste protocolo pasan polo reforzo da formación en habilidades e posta en valor das profesionais do SAF, a avaliación dos posibles riscos, a comunicación temperá dos incidentes e o seu posterior rexistro, resolución, investigación e seguimento. Establécese, ademais, un procedemento de actuación en casos de todo tipo de violencia que poida causar dano físico, psicolóxico, sexual ou económico. Incluída a violencia por razón de xénero ou sexual.

A conselleira agradeceu a todas as partes implicadas na elaboración do protocolo “a súa boa disposición e colaboración” e explicou que agora o obxectivo debe ser “traballar para que a aplicación sexa efectiva, algo para o que é esencial o compromiso dos prestadores do servizo, concellos e empresas”.

No referido ás actuacións fronte a situacións de violencia, o protocolo establece un sistema progresivo que vai desde a prevención ata a resposta ante agresións. Inclúe pautas para anticipar riscos, manter a calma e reconducir conflitos, así como actuacións específicas cando a tensión aumenta ou se produce unha agresión, priorizando sempre a integridade física e emocional das profesionais e, nese senso, co apoio inequívoco ante a decisión de paralización de traballos mentres a situación non reverta.

O documento subliña tamén a importancia de que os concellos teñan un rexistro cun modelo unificado para todas as entidades prestadoras e que se dea seguimento a todos os incidentes, de xeito que poidan ser avaliados pola empresa e, se é preciso, coordinados coas administracións para adoptar medidas correctoras. Nesa liña, contémplanse as visitas e investigacións pertinentes, así como a revisión da avaliación de riscos laborais e das medidas preventivas de cara á súa actualización se fose necesario, ademais da implantación de medidas de protección ou para garantir o retorno ao posto de traballo.

0.31273889541626